Moitos veciños decidiron deixar de plantar despois de dous anos sen poder facelo

A. F. C. FERROL / LA VOZ

CORISTANCO

A xente de maior idade é remiso a retomar os cultivos, en parte polas trabas burocráticas

17 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O autoconsumo era o destino da maioría das patacas cultivadas na comarca, que contaba con poucos produtores profesionais (algún renunciou aos tubérculos, centrándose noutro tipo de cultivos). Moitos pequenos agricultores xa decidiron deixar de sementar, despois de dous anos sen poder facelo. «Neste tempo han visto que non era tan malo comprar patacas, ven que se perdeu o tempero da terra ou son máis maiores, e non van volver a plantar», constata o responsable dunha oficina agraria. Tamén reciben consultas de xente interesada en sementar de novo, «pero moita menos da que adoitaba facelo antes».

Un veciño de 90 anos acudiu fai uns días ao despacho eumés para realizar a declaración de cultivo, obrigatoria en zona tampón. «De todo hai -sinala un técnico-, pero moitos non van volver. En Narón hai xente que deixou a terra definitivamente, un veciño que plantaba uns 300 metros cadrados, agora deuse conta de que economicamente non lle compensa, as que compra de Coristanco gústanlle, e vaino deixar para sempre».

Complicado para os maiores

A obrigación de formalizar a declaración de cultivo, con datos sobre a parcela, o polígono ou a cantidade de simiente disuade a moitos pequenos agricultores, en especial os de maior idade. «É unha complicación, teñen que vir á oficina e non se arranxan ben cos mapas para ver cales son as fincas», abunda un profesional do sector. Na oficina dalgunha das zonas declaradas como tampón, a superficie plantada caeu á metade.