O executivo coristanqués queda en cadro

Antonio Longueira Vidal
T. Longueira CARBALLO / LA VOZ

CORISTANCO

José Manuel Casal

ANÁLISE | A saída de Emilio Fondo Novo deixa ao goberno da moción censura con só catro edís

11 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Ao alcalde de Coristanco, Abraham Gerpe Muñiz, pásalle algo parecido ao que lle sucedeu no seu día ao seu predecesor Amancio Lavandeira Suárez. A perda de apoios foi unha constante desde que ambos se fixeron coas rendas da cadeira de brazos da alcaldía.

A Amancio Lavandeira fóronselle precisamente Abraham Gerpe, no seu día edil de Urbanismo, a nacionalista Laura Mariño e a compañeira de Terra Galega Verónica Facal. Lavandeira quedou só con catro apoios no executivo.

O 25 de agosto do 2017 triunfou a moción de censura promovida polos seis edís do PP e o que era único representante de PSOE. Os sete foron expulsados dos seus respectivos partidos. Parecía un acordo inquebrantable, que non se ía romper baixo ningún concepto.

Nada máis lonxe da realidade. Aos poucos meses empezaron a albiscarse as discrepancias. O primeiro en marchase foi Juan García Velo , ex número 2 do PP e que levaba xa tempo sopesando deixar a política municipal. O segundo en coller os bártulos foi, contra todo prognóstico, Antonio Pensado Plágaro. Un dos promotores da moción de censura íase por desavinzas con Gerpe. Iso si, o que foi alcalde da localidade durante 24 anos e que agora aspira a unha nova reelección en maio da man da súa formación Agrupación de Electores de Coristanco, xamais votou en contra dos grandes temas que afectaron á xestión municipal, como os orzamentos, cos que mostrara as súas reticencias.

Catro edís

O terceiro en caerse da lista foi Emilio Fondo Novo. Ex tamén do PP, entrou na corporación coristanquesa da man de Antonio Pensado. Fondo tamén avalou co seu voto a moción de censura. Pero este luns dixo basta e presentou un escrito de renuncia no rexistro municipal. Ademais asegurou que a un «99,9%» deixaría a política ao finalizar o mandato. E xa hai quen especula en Coristanco cunha hipotética continuidade da man de Pensado e o seu novo proxecto político. Emilio Fondo Novo negouno este mércores, pero ese 0,01 % de posibilidades está aí latente.

En todo caso, e a pesar de quedar Gerpe co apoio de Clarisa Couto, quen, por outra banda, xa anunciou que iría da man de Juan García Pose nas listas do PP en maio, Gema Eiroa e sobre todo, Luis Souto, responsable de Obras, todo apunta a que esgotará o mandato. Sobre todo porque restan menos de cinco meses para a celebración das municipais e porque os grandes temas de debate como a Conta Xeral do 2017, o pagamento de facturas a provedores, as licenzas urbanísticas e o orzamento do 2019 saíron adiante. Queda por saber que pasará cos 1,2 millóns pendentes de obras, correspondentes a plans provinciais anteriores, que quedaron cancelados ou anulados debido á presentación tarde, mal e arrastro da Conta Xeral do 2016.