A galega que se parece a Trump: «Eu digo que será pola cor do pelo»

O gran parecido de Dolores Leis co presidente dos Estados Unidos fíxose viral nas redes sociais


carballo / a voz

Nada menos que 3.000 retweets e 4.000 gústame en Twitter, ademais de centos de publicacións compartidas a través de Facebook ou de WhatsApp . Dolores Leis Antelo (Figueiras, Coristanco, 1954) non se imaxinaba o xoves pasado, cando esta mesma redactora falaba con el sobre os labores do campo na súa leira de Nantón, que unha foto súa se faría viral en Internet e daría -case- a volta ao mundo. O seu parecido razoable con Donald Trump, presidente dos Estados Unidos, está arrasando estes días nas redes sociais, así como en varios diarios de información dixital de tirada nacional, onde xa se fixeron eco da resonancia da publicación e especulan si Trump ten ou non parentes na Costa da Morte.

JIM LO SCALZO

¿Ten Donald Trump unha prima en Galicia?

Máis aló da curiosidade do contido e como toda foto viral que se prece, o debate sobre si trátase dunha montaxe está servido. Do mesmo xeito que as respostas da xente, enxeñosas e ocurrentes en moitas ocasións. Incluso hai quen se adxudica a autoría da imaxe sen máis. «Mi madriña, a miña foto vai ben lonxe. Eu digo que será pola cor do pelo», explicaba onte pola tarde entre risos a protagonista, á que todos os seus veciños coñecen como Dolores de Belo, na súa casa do lugar cabanés dos Martices, onde a noticia, como non, tamén chegou. «Ai, se fósemos familia de Donald Trump», chancea a súa filla Ana.

Vida no campo

«Cando era nova traballei na limpeza na Coruña, pero deixeino en canto me casei», conta Dolores . Aínda que orixinaria de Coristanco, pasou toda a súa vida en Cabana de Bergantiños, de onde é o seu marido, co que casou fai agora corenta anos. Desde entón, traballou sempre nos labores do campo, que compaxina coas propias do fogar. Tanto é así que nos ensina as ferramentas que usaban na súa casa antigamente, entre as que se atopan unha sachadora, unha sementadora e un arado, que agora decoran o seu xardín. «A labranza de antes non se parece en nada á de hoxe en día. Se o comparamos, agora non traballamos nada. O que si, botamos máis lixo á terra», di Dolores . Do mesmo xeito que moitos dos agricultores da zona, aproveitou o tempo seco da semana pasada para sementar as patacas, un labor agrícola que a choiva atrasou e que está pendente desde hai aproximadamente un mes. «De momento non lle tememos á peste da polilla gualtemalteca», di.

 Ao preguntarlle sobre a popularidade e resonancia que está tendo a foto na que sae en primeiro plano ataviada con roupa de faena e cun sacho ao ombro, Dolores sorrí, está contenta, e réstalle importancia. Nunca se interesou polo mundo dixital. É máis, aínda non ten un teléfono móbil propio. «Miro todo o que me ensinan as fillas, pero nunca me picou a curiosidade por ter un. Elas din que vou ser famosa por esta foto, pero eu diso non entendo nada», opina.

A galega que se parece a Trump dá o salto á revista americana «Newsweek»

A. Robles

O famoso semanario dedica unha peza ao parecido máis que razoable de Dolores Leis Antelo co presidente de EE.UU.

Dolores Leis Antelo é xa un fenómeno internacional. O parecido razoable desta muller de Coristanco con Donald Trump non só se converteu en tema de conversación na praza pública das redes sociais (onde cultivou máis de 3.000 retweets e 4.000 gústame). Esta galega tamén copa titulares en medios de comunicación alén do charco. A última en facelo foi a revista americana Newsweek, que tras ver o arrepiante parecido da nosa paisana galega co seu americano non dubidou en dedicar unha peza a Dolores Leis: «Un é un líder mundial e séntase na Casa Blanca, a outra vive nunha morada humilde na España rural, pero son tan parecidos coma se fosen xemelgos separados ao nacer», arrinca a reportaxe do semanario estadounidense, que fai un repaso polas grandes diferenzas entre a vida dunha e outro.

Seguir lendo

Coñece toda a nosa oferta de newsletters

Creamos para ti unha selección de contidos para que os recibas comodamente no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
103 votos
Comentarios

A galega que se parece a Trump: «Eu digo que será pola cor do pelo»