CRÓNICAS DA EMIGRACIÓN | Os irmáns Canosa en Arxentina

Luis Lamela

CORCUBIÓN

CEDIDA POR LUIS LAMELA

Buenaventura e José A. Canosa Rodríguez naceron en Corcubión: esta é a súa historia, contada por Luis Lamela

05 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Buenaventura e José A. Canosa Rodríguez naceron en Corcubión, fillos de José Canosa, natural de Fisterra -emigrante tamén na Arxentina, país no que faleceu- e de Juana Rodríguez Fernández, nada e veciña de Corcubión.

Buenaventura Canosa (na imaxe, publicada en revístaa Alborada) emigrou de neno para a Arxentina, trasladándose despois a Montevideo, no Uruguai. Posteriormente regresou de novo por un breve espazo de tempo á Arxentina, para residir no pobo 25 de Maio, na provincia de Buenos Aires. O motivo deste traslado foi para dirixir a importante casa de ramo xeral, O Indio, propiedade do seu tío Jesús Rodríguez, tamén oriúndo de Corcubión e prestixioso comerciante na sinalada localidade do país austral.

No entanto, anos máis tarde volveu para o Uruguai co fin de exercer a representación de importantes empresas comerciais do ramo da maquinaria agrícola, das que el foi un experto perito, ata que lle chegou a xubilación. Coñecido no seu círculo social como Ventura, faleceu en Montevideo en 1938, deixando dous fillos: Ventura e Luisa. Pola súa banda, o seu irmán José A. Canosa Rodríguez, que naceu o 10 de abril de 1887, tamén emigrou durante a adolescencia para a Arxentina. Formou parte da comisión revisora de contas da ABC do Partido de Corcubión, en Buenos Aires, cidade na que faleceu ás 0.30 horas do domingo 24 de marzo de 1935. Foi enterrado no panteón do Centro Galego da cidade bonaerense. Tanto Buenaventura como José, deixaron en Corcubión unha irmá, precisamente a nai de Junquerita, Pepita e Juan, dos de Amaro.