A zona carece de puntos de encontro familiar para os divorcios conflitivos

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

CORCUBIÓN

Ana Garcia

Os máis próximos á Costa da Morte están na Coruña e Santiago

19 abr 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Os puntos de encontro familiar son servizos especializados, coordinados por psicólogos, psiquiatras, pedagogos e outros profesionais, que interveñen naquelas situacións de separación legal ou divorcio nas que as relacións entre os menores e os proxenitores presentan dificultades ou, simplemente resultan conflitivas. Estes centros constitúen un lugar neutral para que, a través destes profesionais, a relación entre as partes implicadas se vaia normalizando aos poucos. Aténdense na súa maioría, casos de violencia de xénero ou de abandono dun ou dos dous proxenitores. Pois ben, nin o partido xudicial de Carballo nin o de Corcubión dispoñen na actualidade destes puntos de encontro familiar. Os que solicitan este servizo aos xulgados, a través dos avogados, teñen que levar aos menores a un destes sete centros, situados na Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

Ana Aldao, responsable do Centro de Información á Muller da Laracha, explicou que este tipo de lugares son «tremendamente importantes» e avogou porque a comarca teña un o máis axiña posible. «Son moi necesarios, cada vez diría eu, porque a cifra de casos de divorcios problemáticos aumenta. Se de seu a situación se volve problemática polo ambiente familiar que se respira, o é moito máis por ter que levar aos nenos ata A Coruña para que vaian ver ao seu pai ou a súa nai e de novo regresar ás súas casas. Xérase unha tensión innecesaria que se resolvería con habilitar un punto de encontro familiar aquí».

Instalacións precisas

Segundo Aldao, habilitar un servizo tutelado polo xulgado non sería moi custoso e facilitaría moito as cousas ás partes implicadas: «Precisaríase dunhas instalacións adecuadas, que garantisen o anonimato das persoas, sobre todo dos menores. E a nivel profesional, este servizo debería estar coordinado por profesionais, non voluntarios, como psicólogos, pedagogos, educadores sociais...».

En termos similares expresouse o avogado carballés Carlos Puga: «Desde o punto de vista dos recursos, hai que establecer un criterio de prioridades sobre posibles puntos de encontro familiar. Deben ser criterios racionais, fixando unha distancia mínima con respecto aos que xa existentes porque, se cadra en Carballo, estando a 30 quilómetros da Coruña, non é tan prioritario, pero Corcubión, que está a 90 da Coruña e 70 de Santiago si se fai imprescindible». O letrado apuntou que, pola súa experiencia profesional, trátase dun servizo «cada vez máis necesario, xa que son máis os casos de divorcios nos que existen connotacións de conflitividade no ámbito de fogar e da familia».

Desde a Consellería de Política Social apuntaron que se está estudando a posibilidade de incrementar os puntos de encontro familiar en de toda a comunidade autónoma», sen especificar se a Xunta de Galicia habilitará un, ben no partido xudicial de Carballo. ben no de Corcubión, ben en ambos.

Xuízo por unha polémica custodia compartida

No xulgado número 3 de Carballo celebrouse onte unha vista na que un pai, Juan Carlos Bardanca, reclamou a custodia compartida dos seus fillos, de 7 e 4 anos de idade. Explicou que declarara ante a xuíza algo máis dunha hora, aínda que non se mostrou moi optimista sobre un fallo favorable, deixando a porta aberta a unha folga de fame. A súa aínda muller reclama a custodia dos dous menores e unha maior pensión compensatoria de manutención á inicialmente fixada.

«Dos cinco casos que teño, en catro están pendentes as horas de visitas»

Susana Couto é avogada e residente en Carballo. Asegurou onte que se fai imprescindible habilitar un punto de encontro familiar na comarca: «En Carballo, sen dúbida», apuntou. Segundo a letrada, as cifras de divorcios conflitivos van en aumento cada ano: «Co agravante de que son persoas, polo xeral, sen recursos económicos as que demandan estes puntos de encontro. Ademais, dos traumas psicolóxicos que hai detrás e dos problemas persoais existentes, hai xente que directamente che di que non ten diñeiro para pagar os desprazamentos ata A Coruña e pídenche se podes axudarlles. Pero, independentemente de cuestións económicas, hai que cumprir co réxime de visitas e horarios fixados».

Susana Couto apuntou que na actualidade traballa en cinco casos de divorcio que presentan certo grao de conflitividade. «Deles, en catro aínda non teñen asignadas as partes implicadas as horas e os días de visita». E é que, segundo explicou, unha vez que una das partes solicita este servizo ao xulgado correspondente e élle concedido este servizo, hai que propor as horas nas que os nenos poden estar co seu pai, ou a súa nai. «Pero claro, ten que haber horas dispoñibles e iso non sempre sucede, porque depende dos horarios de traballo, das dispoñibilidades de ambos os cónxuxes e, sobre todo, que os profesionais que traballan no punto de encontro familiar teñan horas libres». De aí, que se faga necesario crear centros na zona para adecuar a demanda á oferta existente e, de paso, reducir os gastos de desprazamento.