O peculiar caso da parroquia de Rodís con catro equipos de fútbol

Melissa Rodríguez
Melissa Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CERCEDA

Dous son de veteranos, un deles de recente formación; outro de penas, e o sénior xa ten 30 anos de vida

18 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A parroquia de Rodís, en Cerceda, garda unha peculiaridade, polo menos no tema do fútbol. A día de hoxe conta con catro equipos, agrupados en dous clubs. De feito, un deles fundouse recentemente, no pasado mes de xuño. Trátase do Rodís Fútbol Club. O outro, a Sociedade Deportiva San Martiño, xa conta cuns trinta anos de historia.

Ben é certo que o primeiro, alá polo ano 2001 xa contaba cun conxunto de penas, que actualmente aínda segue dando guerra. No entanto, esta tempada creou un equipo de veteranos que compite en Terceira Autonómica; de aí a nova entidade. Nesta categoría tamén milita o San Martiño. O cuarto conxunto, o sénior, está en Segunda Galicia.

O propio Jesús Manuel Pallas Queijas, presidente do Rodís, recoñece que o caso desta parroquia é ben peculiar, aínda que non lle atopa explicación algunha. «Aquí ou fútbol gusta bastante», é o único que se atreve a dicir.

Ten 44 anos e é de Rodís, onde traballa, aínda que vive en Carballo. Mesma situación dáse entre os seus compañeiros de entidade, que residen na Coruña, A Laracha ou a propia capital de Bergantiños por cuestións laborais. Pero todos se enfundan a camiseta do Rodís durante a fin de semana, facendo máis forte as súas raíces. E é que como nestas categorías non se adestra, a distancia entre uns e outros de luns a venres non é un problema.

Pallas conta como xurdiu a creación do club: «Tiñamos un equipo de peñas onde eramos uns 25: a metade tiñan menos de 30 anos, e a outra parte, máis idade. E o certo era que os máis vellos non resultabamos competitivos, pois nesa liga prima a xente nova», empeza dicindo, ao que engade: «Entón, decidimos crear un conxunto de veteranos, máis acorde a nosa idade, e de aí, a entidade».

Esta división de xogadores levounos a ter que buscar máis xente para completar ambos os cadros de persoal. Pero non tiveron problema algún. A base de ambos está formada por veciños de Rodís. Outros de distintas parroquias de Cerceda e de concellos lindeiros como Tordoia e Ordes compleméntanos.

A día de hoxe, conta Jesús Manuel, vinte e cinco persoas forman o conxunto de penas e, trinta, o de veteranos. Goza de boa saúde o club. Estes últimos non pasan dos 53 anos de idade. A gran maioría xogou na súa etapa de xuvenil no San Martiño. No entanto, lembran que nos anos 80 xa houbo un equipo anterior que xogaba varios torneos ao ano.

O pasado día 23 de novembro, foi un día histórico para a parroquia de Rodís. Por primeira vez na historia, dúas dos seus equipos federados na mesma categoría, a Terceira Autonómica de veteranos, enfrontáronse. Fixérono no campo A Rega, en Cabaleiros (Tordoia), no canto de en O Roxo, en Cerceda. O motivo é que queda máis preto o primeiro: «Está a uns tres quilómetros do local social, fronte aos dez ou once que nos queda o de Cerceda». Outra peculiaridade desta entidade, que xoga na localidade veciña, no canto de en a súa. O campo O Agro, situado en Rodís, non cumpre as medidas que marca a Real Federación Galega de Fútbol para disputar un partido.

O encontro rematou con vitoria por 0 a 2 para o San Martiño, que conta con máis experiencia. Pero o presidente do Rodís queda con que houbo «bastante público».