O centro de día de Cerceda abre unha campaña de detección da deterioración cognitiva

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CERCEDA

JOSE MANUEL CASAL

Desde o Concello animan aos veciños que perciban síntomas a acudir a este servizo

08 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Nas instalacións do centro de día e fogar residencial de Cerceda hai en marcha unha campaña gratuíta de detección de deterioración cognitiva. A prestación consiste na realización dunha proba, que é breve e sinxela, e que está realizada por parte dunha profesional que é especialista na materia.

Desde o Concello de Cerceda animan aos veciños a que se perciben unha minoración da memoria, a atención, a capacidade de orientación ou certas habilidades que antes afrontaba con normalidade, acudan a este servizo, que é totalmente gratuíto, para así detectar a deterioración de xeito precoz, intervir canto antes e tratar de paliar ou atrasar os efectos negativos.

A campaña está especialmente dirixida aos veciños de maior idade, aínda que non hai un límite previsto. En todo caso, a maior parte dos participantes serán persoas xa xubiladas.

Para obter a prestación con chamar ao centro de día para concertar unha cita e unha profesional especializada atenderalles. O teléfono é o 981 68 52 09 e o centro localízase no polígono industrial do Acevedo, na rúa Encontro, número 1.