Un xulgado suspende de forma cautelar o pleno de renuncia de García Liñares

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CERCEDA

ANA GARCIA

Entenden que houbo unha vulneración dos seus dereitos fundamentais

02 oct 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O alcalde de Cerceda, José García Liñares, gañou algo de tempo. Un xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña acordou suspender, de forma cautelar, a celebración do pleno, fixado para o vindeiro luns, día 7, ao mediodía. Esta sesión, convocada polo secretario municipal, ten por finalidade dar conta á corporación da condena, en primeira instancia e xa que logo non firme, do rexedor, polo que, a xuízo do funcionario e dos integrantes dos partidos da oposición, Liñares quedaría automaticamente cesado do cargo debido á condena de 9 anos de inhabilitación por prevaricación administrativa.

Con todo, a defensa presentou un recurso ante o Contencioso-Administrativo contra a celebración deste pleno ao entender que houbo unha vulneración dos seus dereitos fundamentais. Na práctica, quere dicir que ao non ser un fallo firme Liñares ten todo o dereito do mundo a seguir no despacho de alcaldía á espera de que haxa unha ratificación da condena, se é que se chega a producir. Sobre os prazos de resolución deste recurso, fontes xurídicas consultadas apuntaron onte que é probable que se produza en poucos días, tal e como xa sucedese a primeira vez, a comezos deste ano.