«A Garda Civil aínda non ten pistas», di o mozo queimado en Carballo

C. V. CARBALLO / LA VOZ

CERCEDA

ANGEL MANSO

Álex Muíño segue á espera de saber quen foi o seu agresor

19 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Álex Muíño, o mozo que sufriu queimaduras de segundo grao no torso cando camiñaba por unha rúa de Carballo o 27 de outubro, agardaba que a Garda Civil lle dese algunha información sobre o que ocorreu, pero atopouse con que a investigación apenas se iniciou. «A Garda Civil aínda non ten pistas», asegurou tras presentarse no cuartel para interpor a oportuna denuncia, despois de que os seus pais intentasen en dúas ocasións facelo no seu nome e os axentes recomendásenlles que acudise a propia vítima.

Poucas novidades hai sobre o caso, salvo un rumor que corre xa mesmo polas redes sociais sobre unha persoa do municipio de Cerceda que se vangloriou de ter sido o autor dun feito que polo momento non foi aclarado, pero que ocorreu pouco antes das seis da madrugada na rúa Ourense.

Álex Muíño, que se pasou 20 días ingresado na Unidade de Queimados do Chuac, recupérase na súa casa e está pendente de que o vexa o forense de Carballo para que a Garda Civil poida iniciar un informe. Ademais, pedíronlle datos sobre a camisa que levaba para realizar probas, segundo explicou el mesmo, pero «nada concreto».

A súa esperanza era que houbese algo gravado nas cámaras dalgún banco, pero diso aínda non hai noticias.

A pesar da falta de evidencias, Álex Muíño segue convencido de que alguén lle guindou un líquido acelerante e prendeulle lume, pero cre que foi unha casualidade que lle elixisen precisamente a el.

A investigación preséntase complexa porque non hai testemuñas e a propia vítima recoñece que non viu nada, que bastante tivo con arrincarse a camisa ardendo.