Liñares xa sabe o que custa o centro deportivo das Encrobas: 4 millóns

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

CERCEDA

BASILIO BELLO

UN MAR DE POSIBILIDADES | IBERNÁUTICA | Os responsables federativos piden maior flexibilidade para o deporte náutico de interior

17 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A segunda e definitiva xornada da terceira edición de Ibernáutica de Cerceda estivo marcada polo terremoto provocado polo secretario de Estado de Enerxía, José Domínguez Abascal, e o peche da planta térmica de Meirama para xuño do 2020. Nos círculos formados no Centro Cívico non se falaba onte doutra cousa e o teléfono móbil do alcalde, José García Liñares, botaba fume.

A pesar de que a actualidade parecía estar en Meirama, a realidade é que o futuro do lago das Encobras e a posibilidade de que albergue competicións náutico-deportivas e sexa sede fixa dalgún complexo de remo e piragüismo parece cobrar forma unha vez finalizada Ibernáutica. O rexedor cercedense xa sabe o que custaría instalar un centro completo destas características: 4 millóns de euros.

Foi o xerente de Inorde, José Manuel Rodríguez, o que marcou un pouco a folla de ruta que deberían levar en Cerceda tal e como se está executando o proxecto en Ourense, «a provincia española de interior onde máis creceu o turismo no que vai de século», esgrimiu José Manuel Rodríguez. «Fai cinco anos que empezamos este proxecto en Ourense, tiñamos o potencial aí diante, pero non soubemos sacarlle partido ata que nunha viaxe a Holanda acendéusenos a lámpada e vimos que era compatible conxugar o uso da auga para o consumo coa práctica deportiva, o respecto polo medio ambiente e a creación de espazos naturais únicos». Segundo o xerente de Inorde, «o deporte xera en España unha facturación anual de 10.000 millóns, unha torta cada vez máis grande da que Galicia ten que beneficiarse».

Pola súa banda, José Manuel Seijas, presidente da Federación Galega de Remo, dixo que o lago das Encrobas ten unha vantaxe con respecto a outras instalacións similares de interior: «O remo é un deporte universitario e Cerceda está moi preto e moi ben comunicada coa Universidade da Coruña».

A presidenta da Federación Española de Remo, Asunción Loriente Pérez falou de potencial económico que xera o remo: «Unha proba do nacional de categorías de base pode atraer entre 5.000 e 10.000 persoas en tres días. E iso é xerar economía a través do deporte», argumentou.

O comité dos Xogos Olímpicos de Madrid 2020 pensou en Cerceda como sede deportiva

Cando Madrid apostou pola súa candidatura aos Xogos Olímpicos do 2020, os seus organizadores xa pensaron nas Encrobas como sede para as probas de remo, vea e piragüismo. Mesmo houbo varias viaxes ata ao lago para analizar con detalle o terreo e, mesmo, deuse o visto e prace. A organización destacou a proximidade cunha gran cidade, as boas comunicacións e un lago ideal para estas iniciativas Este detalle, con todo, non pasou desapercibido para os impulsores dun campo de regatas nas Encobras. Todos os relatores, sen excepción, tiveron claro onte que é a contorna perfecta para acoller citas de enxunlla.

Un dos aspectos que impulsa a necesidade de crear un complexo deportivo en Cerceda é a escaseza de áreas homologadas en España, tal e como lembrou a presidenta da Federación Española de Remo, Asunción Loriente: «Temos Sevilla e Bañolas, ademais de Castrelo do Miño. Quedan por recuperar os de Álava, e Mequinenza (Zaragoza)».

Pero os integrantes da mesa deixaron claro onte que as Administracións deben ser algo máis flexibles para poder dar impulso á actividade náutica. O máis duro foi José Alfredo Bea, presidente da Federación Galega de Piragüismo. Foi, sin duda, o máis aplaudido polos asistentes. Déronlle 6 minutos de intervención (como ao resto) e sobráronlle tres. Foi unha alegación sen fisuras en defensa do deporte: «Non hai un plan estratéxico para o deporte. Levamos así case sete anos e seguimos sen ter noticias», comezou dicindo José Alfredo Bea. E continuou o seu discurso: «Galicia é un potencia. Temos 4.300 licenzas e Portugal, con 11 millóns de habitantes, 3.500. Falamos de 16 medallas olímpicas en Galicia e só se nos relaciona co dano ao medio ambiente. Se somos os primeiros en querer protexer a auga dos lagos e encoros porque nos vai niso. É como ir ao Polo norte e dicirlle a un esquimó que non vaia en canoa porque contamina. E á mínima que sucede algo alí vai o Seprona, Augas de Galicia, Augas doutras Augas e veña a facer informes. O piragüismo e o remo só piden un pouco de cariño aos que nos representan».

Nava Castro, directora de Turismo da Xunta, destacou que se «está a traballar en varias direccións, que inclúen o fomento de practicas deportivas», que serven, segundo ela, para impulsar as diferentes modalidades de turismo.