Sogama reduce un 10 % a factura de concellos que estean ao día no pagamento

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CERCEDA

BASILIO BELLO

ANÁLISE DOS ORZAMENTOS DA XUNTA | As obras de ampliación e mellora de Sogama recibirán máis de 14 millóns de euros. A autovía volve ser o principal investimento na comarca

20 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Os Presupostos da Xunta inclúen, como cada ano, os de Sogama. A planta de Cerceda manexará o ano que vén unha contas que roldan os 119 millóns de euros. Pero o máis destacado será a redución da factura da recollida nun 10 % a numerosos concellos. Ese é a porcentaxe de redución que se aplicará, ao pasar o prezo da tonelada dos 69 euros actuais aos 62,10 do ano próximo. Unha baixada que aliviará as arcas municipais de varias localidades, cuxos alcaldes (tamén os da comarca, en diferentes plenos) queixáronse reiteradamente duns custos moi altos, ademais do que supón o transporte.

Este novo canon entrará en vigor o 1 de xaneiro. Non todos poderán beneficiarse da medida, hai unhas condicións que pasan polas boas prácticas: «Tómase como referencia o novo escenario no que Sogama desenvolve o seu labor, definido, entre outras cuestións, pola boa xestión empresarial dos últimos anos, o comportamento favorable do mercado da electricidade, o debido cumprimento das obrigas contractuais por parte dos concellos adheridos ao seu modelo, así como á liquidación total da súa débeda financeira e subordinada», segundo reflíctese na memoria publicada onte. Haberá que estar ao día, basicamente. En canto a números, para o ano que vén prevese que se tratarán 808.000 toneladas de residuos. E os ingresos previstos polo canon serán de case a metade o orzamento total, de algo máis de 50 millóns de euros.

Tamén hai ingresos por compost, pero neste caso si que pode dicirse que son residuais, xa que se prevén uns 93.000 euros. O tratamento da tonelada terá un custo de 45 euros, con pouco máis de 2.100 toneladas.

A recepción de envases vai a máis, e estímase que a planta de recuperación xa estará a pleno rendemento. Estímase que recibirá unhas 35.640 toneladas de diversos materiais: aceiro, máis de cinco mil; aluminio, máis de 1.500, e vidro, máis de 10.000, cuns ingresos estimados nuns 6,2 millóns de euros. En todo caso, a outra gran fonte de ingresos de Sogama é a venda de enerxía (termoeléctrica, cogeneración e biogás), da que agarda obter 50 millóns para o ano 2019.

Os gastos máis importantes derívanse da ampliación: reforma da planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, por dez millóns de euros, ademais da ampliación e mellora do vertedoiro de Areosa, por 3,6 millóns. A planta de clasificación automática de envases recibirá 0,77 millóns.

A autovía volve ser o principal investimento

Do mesmo xeito que o ano pasado, a autovía volve ser o principal investimento para a Costa da Morte nos Orzamentos da Xunta. A cantidade é a mesma, un millón de euros, e como entón vai resultar complicado gastalos. O diñeiro está previsto, pero os prazos mandan: aínda non se rematou o proxecto (leva un ano de execución e tiña dúas como máximo) e despois quedará aínda licitar e adxudicar. Salvo que todo se acelere, é probable que quede de novo nunha cantidade sobre o papel, pero non sobre a terra. Para o 2020, no documento consígnanse dous millóns máis; para o 2021, catro millóns, e para o 2.022 e seguintes, 7,5 millóns. Son contas plurianuais con previsión de realización, pero as circunstancia xa dirán como vai a repartición. En todo caso, a «vía de alta capacidade Baio-Berdoias» polo menos si figura nestas conta plurianuais, o que en principio é garantía de que se vai levar a cabo.

Senllas peonís e ciclistas. Como cada ano, nos Orzamentos partidas nominativas, pero moitas outras son xenéricas, con implicacións en máis dunha comarca. Por exemplo, os 6,5 millóns previstos para o fomento da mobilidade sostible urbana e interurbana, para senllas peonís e ciclistas. E o mesmo pode dicirse do fomento da mobilidade no transporte metropolitano (hai dez millóns de euros en conxunto), do que se benefician en Carballo, Cerceda e A Laracha, e as subvencións para os descontos a peaxe entre Carballo e A Coruña. Ou para o «desenvolvemento sostible das zonas de pesca», entre as que sin duda deberían aparecer algunhas da Costa da Morte.

Portomouro-Santa Comba. Ademais de partidas xenéricas para mantemento de estradas, e outras para os diferentes Camiños, figura unha directa para a reforma da estrada entre Portomouro e Santa Comba, con case 2,5 millóns.

Polígonos. Un ano máis, figura o de Carballo. Tanto polos gastos que vai ter, cifrados nuns 45.000 euros, como sobre todo nos ingresos, que seguen sendo optimistas. Para o 2018 estimábanse en 2,2 millóns de euros. Aínda que faltan máis de dous meses para que remate o ano, non andará lonxe, dado o elevado ritmo de vendas. Agora, para o 2019 calcúlanse 1,3 millóns; para o 2020, 1,2 millóns, e para o 2021, un millón en parcelas. Xa non haberá máis que vender, porque oito de cada dez metros xa están en mans privadas.

Portos. Na relación de concellos de Portos de Galicia só aparece Laxe, coa primeira fase da ampliación e dragaxe do porto, cun millón de euros dos tres que custará. Tamén figuraba o ano pasado, pero non houbo obras. Para Muxía e Camariña anúncianse melloras «de defensa e medios de amarre», con 164.000 euros.

Augas. Aparece gastos xenéricos en Laxe (95.000 euros), Carballo (73.000), Cee (69.152), Corcubión (69.152) ou Camariñas (538.000). Tamén existen referencias xenéricas a mantementos e melloras en abastecemento ou tratamento.