O lago das Encrobas vai camiño de ser de dominio público hidráulico

Cristina Viu Gomila
Cristina Viu CARBALLO / LA VOZ

CERCEDA

Ana Garcia

Limeisa, que é aínda a propietaria, solicitou o deslinde a Augas de Galicia

17 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Lignitos de Meirama (Limeisa), que explotaba a mina de lignito pardo de Cerceda, solicitou a Augas de Galicia o deslinde do lago das Encrobas, xurdido do oco deixado pola extracción continuada do mineral. É o procedemento para que o que agora é unha contorna lacustre pase a ser de dominio público hidráulico. Trátase dun trámite imprescindible porque as augas das Encrobas uniranse ás de Cecebre para fornecer auga á comarca coruñesa. Sería Emalcsa, a empresa municipal de augas da Coruña, a que se faría cargo das obras. Nos orzamentos da empresa para este ano xa figuraba unha partida de 22 millóns de pesetas e a idea era licitar os traballos durante este ano, pero todo o proceso leva algo de atraso. De feito, a mediados do 2017 a idea era que o deslinde estaría listo na primavera deste ano.

O Boletín Oficial da Provincia publicou onte o inicio do proceso. O deslinde estará en exposición pública durante 20 días para que se poidan presentar as alegacións pertinentes. A maior parte das parcelas afectadas pola zona de policía de dominio público son de Lignitos de Meirama, pero tamén as hai de particulares, que son os que poden pór algunha pega, xa que serán inutilizables para moitos usos.

O Concello de Cerceda tamén está moi pendente do procedemento que é fundamental para poder levar a cabo o plan para a repartición dos terreos afectados pola mina, que leva máis de dez anos de atraso.

A intención do Concello de Cerceda é quedar con 33 hectáreas, algunhas das cales lindan co lago. Serían estas as máis interesantes para levar a cabo os proxectos deportivos, basicamente unha canle para actividades acuáticas, pero todo isto segue no aire.

O Concello cercedense, segundo explicou o alcalde, tamén pretende as naves, o botiquín, o almacén e mesmo o miradoiro. Fóra do acordo quedaría o pazo, que no seu momento foi trasladado pedra a pedra e que acollía as oficinas da empresa.

Pero á marxe das obras de canalización ou do acordo entre a empresa e o Concello de Cerceda, o lago ten xa vida propia vida. Desde que se completou o enchido, en maio do 2016, a antiga mina empezou a converterse en lago con todas as súas consecuencias e a día de hoxe hai unhas 900 especies na contorna que fan que este espazo das Encrobas recuperouse por completo a nivel ambiental, segundo un estudo publicado pola Universidade de Santiago. Hai desde raposos ata ardillas e ratos, pasando por xabarís e lebres, ademais dun amplo catálogo de aves acuáticas. Só en tres anos detectouse na zona un incremento de 20 especies, que se unen ás 839 catalogadas no 2015

O espazo componse dunha longa praia rematada que invita o lecer e que será de dominio público. Hai tamén accesos para un embarcadoiro e plantáronse 450.000 frondosas. Pero para gozar do espazo é preciso que Augas de Galicia se faga cargo del.