O persoal da central de Meirama empeza a ser consciente do seu peche

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

CERCEDA

JOSE MANUEL CASAL

A medida de Naturgy afectaría 200 traballadores, uns 120 de Cerceda e Ordes

22 jul 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Como un xerro de auga fría caeu entre os traballadores o discurso do presidente executivo de Naturgy, a antiga Gas Natural Fenosa, Francisco Reynés, quen o pasado 28 de xuño anunciou a nova folla de ruta para os próximos cinco anos da multinacional sen mencionar unha soa vez as palabras Meirama, térmica ou Cerceda, cuxa planta estaría abocada ao peche no 2020 se a dirección da gasista non inviste os 100 millóns de euros comprometidos no seu día para adecuar as instalacións á normativa europea sobre emisións á atmosfera. En concreto, xofre, óxido de nitróxeno e outras partículas contaminantes.

O que máis e o que menos na central ten asumido que a instalación de Meirama, que se puxo en marcha en decembro de 1980, ten os meses contados. Sobre todo, cando no plan de traballo de Naturgy si se incluíu o investimento de 200 millóns de euros para a das Pontes e prolongar así a actividade ata o 2045. Ou os 1.000 millóns previstos en novos parques eólicos en España ata o 2020, deles 200 millóns en Galicia.

«O panorama é moi negro e cremos que non se vai seguir coa actividade», apuntou un veterano traballador da central cercedense. As cifras de emprego que manexan no comité de empresa son como para telas en conta: un centenar de postos de traballo directos e outros tantos indirectos, repartidos en catro empresas auxiliares, algunha delas con medio centenar de persoas en nómina: «Está claro que, en caso de pechar, vos concellos máis afectados serían vos de Cerceda e Ordes». Estes dous municipios suman máis do 60 % do total do persoal. «Dos que teñen nómina de Gas Natural Fenosa, un 50 % vive en Cerceda e Ordes, e das empresas auxiliares superan amplamente o 70-80 % polo que o pau para as economías destes concellos sería terrible», independentemente de que haxa despedimentos, xubilacións forzosas, prexubilacións ou traslados a outros centros de produción.

Pau

O pau na economía cercedense sería brutal. O Concello é un dos que ten a taxa máis baixa de paro de Galicia, con 182 desempregados a data de 30 de xuño do 2018, grazas, en gran medida, ás empresas instaladas no polígono do Acevedo, Sogama e a súa industria auxiliar e a térmica de Meirama. Pero é que ademais, unha parte importante dos traballadores, sobre todo da industria auxiliar, reside en Cerceda e Ordes co que iso supón a nivel de consumo en hostalería ou o ramo da alimentación.

Se Naturgy decide botar o peche definitivo á planta de Meirama implicaría outro efecto non desexado, neste caso sobre as arcas públicas municipais. E é que o Concello ingresa cada ano ao redor de 800.000 euros do imposto sobre bens inmobles (IBI), unha cifra que representa en torno ao 10 % do orzamento anual do Concello.