O Roxo acolle un derbi entre un Fabril que mira cara arriba e un Cerceda necesitado

La Voz

CERCEDA

EDUARDO PEREZ

Os de Tito Ramallo afrontan o partido desde os postos de descenso

10 dic 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Tras dous empates consecutivos, o Fabril tratará de recuperar a senda do triunfo nun novo derbi da Segunda División B, o que o enfrontará esta tarde (16.30 horas) no Roxo a un Cerceda que necesitado de puntos. O equipo que prepara Tito Ramallo arrincou forte a competición, pero leva tres meses cunha mala serie que xa acumula nove derrotas e catro empates, que o condenaron ao penúltimo posto da táboa con só 16 puntos, menos da metade do Fabril, que acumula 33.

Pola súa banda, Gustavo Munúa afronta o encontro con moitas baixas. De feito caéronse da convocatoria por lesión Luismi, Jardel, Luis Fernández, Bicho, Carlos López e Edu Expósito. Deste xeito citou a todos os seus futbolistas dispoñibles, entre eles os xuvenís Gandoyo, Sito e Ortuño.

A pesar da cómoda posición que ocupa (é segundo), o Fabril precisa sumar os tres puntos para non ver comprometido ese posto, manter a distancia cos seus perseguidores e intentar aproveitarse dun tropezo do Fuenlabrada, líder.