Bergantiños e Cerceda pasan a cuartos en Cópaa Deputación

CERCEDA

BASILIO BELLO

Os de Figueira gañaron ao Xallas (0-3), pero os de Ramallo chegaron aos penaltis

07 ago 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O Bergantiños e o Cerceda xogarán o mércores os cuartos de Cópaa Deputación, tras liquidar os partidos de onte. Os primeiros impuxéronse en Santa Comba ao Xallas por 0-3. Os xogadores de Tito Ramallo, pola súa banda, gañáronlle ao Paiosaco na Porta Santas nos penaltis, tras concluír o encontro con empate a dous.

O Bergantiños liquidou a eliminatoria con máis comodidade que o novo equipo de Segunda B, e iso que ambos tiñan como rivais a destacados conxuntos de Preferente. Os de Figueira adiantáronse na primeira parte con goles de Jorge Sáez e Rodri, e na segunda de Rubén Rivera, que segue coa súa boa serie goleadora. Foi cando Figueira aproveitou para dar minutos a outros compañeiros, xa co partido encarrilado. Mantivo case o bloque do día do Sofán, salvo Iago Blanco (entrou Nacho) e Baleato (Selecta). O equipo visitante xogou de xeito fluído e combinativo. Había preto de 200 espectadores, e case a metade, seguidores bergantiñáns.

Pola súa banda, o Paiosaco púxollo moi difícil ao Cerceda, ante uns 300 espectadores. Foi un partido intenso (o técnico visitante foi expulsado), que mesmo se puido levar o conxunto local se chega a cristalizar unha oportunidade ao fío dos 90 minutos. O Paiosaco empezou marcando e rematou empatando de penalti o 2-2 definitivo. Na quenda de penas máximas, os cercedenses foron máis efectivos. Xogarán o mércores contra o Fabril, e o Bergantiños viaxará a Noia.