A piscina de Cee recada máis en pleno verán que antes no inverno

Juan Ventura Lado Alvela
j. v. lado CEE / LA VOZ

CEE

Os 80.000 euros, máximo, que debe pór o Concello poderían verse reducidos

15 oct 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A piscina municipal de Cee, reaberta o pasado mes de febreiro despois de máis de 1.000 días pechada e un longo conflito, tivo mellores ingresos nos meses de xullo, agosto e setembro, que de abril a xuño, o que resulta inaudito para unha instalación deste tipo, que, habitualmente, sofre descensos importantes de actividade na época estival. É máis, pasou xa a simbólica cifra dos 1.500 usuarios (994 abonados e 507 cursillistas) e a venda de entradas individuais está en cifras de marca.

Hai algún elemento externo que inflúe, como a inestabilidade climatolóxica do verán, que deu lugar a estampas insólitas coa piscina chea en pleno agosto, pero todo indica que a aposta realizada está a resultar máis que exitosa. Desde o 1 de febreiro ata o pasado venres a instalación ingresou 232.860 euros e este outubro está chamado a ser o mellor desde a apertura, porque van xa máis de 26.000 euros en caixa e aínda quedan as entradas da metade do mes. Por iso é polo que Andrés Eirís, o xerente de Viraxes, a empresa xestora, facendo contas de memoria, augure uns números económicos positivos. «Son uns 12.000 euros de nóminas, máis a Seguridade Social, uns 16.000; 4.000 de gasóleo... Despois hai que sumar outros gastos, como o beneficio industrial e demais, pero andaremos aí», asegura, para ejemplificar que cuns ingresos como os deste mes.

«Está a demostrarse que a xestión interesada non era unha mala solución. A piscina funciona ben e eses 80.000 euros fixáronse como o máximo que tería que achegar o Concello, derivado da conta de explotación. De feito, hai outros alcaldes que me están preguntando -dígoo en serio- como fixemos, porque se con ese risco máximo para o Concello sae adiante veno atractivo», explica a alcaldesa, Margarita Lamela, para quen este primeiro ano ten que ser de análise exhaustiva da realidade e, a partir de aí, poderanse realizar correccións dos puntos que sexan necesarios para facer a piscina máis atractiva. En calquera caso, entende que era necesario que o Concello tivese este control, porque anteriormente «nin sequera se coñecían as contas» en detalle para tomar decisións.

Entre tanto, as instalacións van incorporando de xeito paulatino unha serie de melloras en servizos e eficiencia. Viraxes acaba de incorporar dúas máquinas novas no ximnasio e un elevador hidráulico, aínda por estrear, para facilitarlle o acceso á piscina a persoas con problemas de mobilidade. Ademais, en breve prevé substituír todas as alcachofas das duchas por outras que teñen unha efectividade similar e consumen un 40 % menos de auga. Reduciu o consumo de electricidade, axustando tarifas e potencias, ata uns 2.500 euros mensuais, que é unha cifra que consideran aceptable e mesmo algo máis baixa da que pagaba o Concello a través da federación de municipios.

Axuda provincial

Por outra banda, o goberno local tramitou coa Deputación axudas directas por importe duns 30.000 euros, que permitirán substituír o depósito da auga quente sanitaria, que está deteriorado, e construír un pequeno soportal na entrada para protexer o acceso dos usuarios nos días de choiva.

Hase implementado tamén unha pequena área de descanso, con máquinas expendedoras e de café na que, por exemplo, desde onte pódese ler a diario a edición de papel de La Voz de Galicia.