Cee ten novos orzamentos para abordar proxectos xa comprometidos

Juan Ventura Lado Alvela
j. v. lado CEE / LA VOZ

CEE

JORGE PARRI

Saíron adiante co apoio de PP e Cidadáns e o voto en contra de IxCee e BNG

20 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

«Non hai ningún pacto con ningún partido político. Considerei que non hai nada que negociar porque son contadas para obras de urxente necesidade, especialmente o repetidor de Lires», asegurou no pleno do xoves pola noite a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, en relación cos orzamentos para este 2019, que saíron aprobados co voto favorable do PP e de Cidadáns e a oposición de IxCee e o BNG.

Unhas contas que ascenden a 5.595.242 euros, o que supón un incremento de 194.013 euros con respecto ás do 2016, as últimas en vigor que seguían prorrogadas, e que, sobre todo, supoñen nutrir partidas que están esgotadas ou que nas que se esixe ampliación -como a de Axuda non Fogar por parte da Xunta-, así como para acometer pequenas obras xa comprometidas ou que teñen unha parte de subvención externa.

A proposta máis polémica é a inclusión dun posto eventual de confianza de cinco horas diarias para asesoramento, xestión da páxina web e das redes sociais. De feito, foi o que máis criticaron IxCee e BNG.

O portavoz independente, Ramón Vigo, alegou dous motivos para votar en contra: que o goberno «aumenta ingresos a base de incrementar impostos» e que ás dedicacións parciais e exclusiva sómese agora este novo soldo. Un subida fiscal que negou tallantemente a alcaldesa: «Non se incrementou ningún imposto», replicoulle a Vigo, afirmando, ademais, que se trata das regularizacións de Catastro, que levaron a cabo sendo el alcalde.

Serxio Domínguez achacoulle a Lamela que, mentres prometeu diálogo non falou con ninguén, polo menos con eles. Por iso é polo que, aínda que coincida na necesidade, mesmo na urxencia de aprobar uns orzamentos, o anuncio do PP que os ía apoiar, ao pouco tempo que se anunciasen lévalles a pensar «ou ben que xa coñecían o contido ou que os analizaron pouco», dando a entender a existencia dun pacto entre socialistas e populares. É máis, puxo o acento en que, entre as múltiples necesidades comunicadas polos veciños, non está a de contratar persoal de confianza para as redes sociais e menos cando, ao seu xuízo, está a facerse delas un uso partidista.

«Estame dicindo que o principal motivo para votar en contra é a consignación orzamentaria para un posto eventual de cinco horas, que ademais terá que ser o pleno o que decida se contrata ou non? O que está claro é que trouxera o que trouxera estaba completamente segura de que o BNG ía votar en contra», afirmou a rexedora. «A razón pola que o Bloque se opón é porque está o Partido Popular. Están obsesionados co PP e esa é a razón principal», remachou Antonio Domínguez.

Problemas herdados

Aínda que o debate PSOE-BNG prolongouse bastante máis, un dos momentos destacados protagonizouno a concelleira Ema Trillo, que, máis en relación a IxCee, cominou aos que votan en contra a que lle expliquen a súa postura ás persoas que están a agardar pola axuda a domicilio, con informes da Xunta, advertindo de que o Concello non cumpre coa súa parte.

«Tódolos días unha novidade e un problema amais da mesa», concluíu Lamela, achacando así asuntos sen resolver, que achaca á desidia do anterior goberno.

Máis

PSOE

Margarita Lamela. «Ninguén ten dúbida de que se está traballando, de que se está cambiando Cee, de que Cee está saíndo adiante e quizais iso é o que lle molesta a algúns», sinalou en relación ás críticas de Serxio Domínguez.

PP

Antonio Domínguez. «Antes fora a boca do metro, agora imos facer o metro. Ese é o prezo», contestoulle a Vigo, ironicamente en relación coa praza onde ten o seu despacho e o suposto prezo do seu apoio aos orzamentos do PSOE.

IxCee

Ramón Vigo. «Felicítoa porque vostede conseguiu o que non foi quen o seu secretario xeral: un goberno de colaboración. Non sei se a vostede lle vai saír gratis ou non», dixo para referirse ao apoio do PP a estes orzamentos.

BNG

Serxio Domínguez. «Non cumpriu a súa palabra de falar cos grupos. Vostede e o seu grupo xa elixiron compañeiros para esta viaxe de catro anos. Eu non son quen para valoralo, pero cando menos resulta chamativo», replicoulle a Lamela, a quen lle recalcou que «o medo leva ao lado escuro», e, a mesmo tempo, cominouna a negociar para o próximo ano 2020 un orzamento «de esquerdas, social e moderno».