«O verán de Cee xa non se entende sen o seu Día da Bicicleta»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CEE

BASILIO BELLO

A capital comarcal de Fisterra repetirá a súa cita coas dúas rodas o domingo: agárdanse centos de ciclistas

23 jul 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Unha «cita para todos» á que nin sequera os que volven a Cee só no verán logran resistirse. «Moita xente á que lle coinciden as vacacións por estas fechas, ou mesmo turistas que están de paso, non deixan pasar a ocasión de apuntarse ao Día da Bici. O verán ceense, no que a actividade física se refire, xa non se entende sen esta cita», reflexionaba onte o técnico Manuel Calo, que aínda que leva xa preto de dous decenios exercendo, si lembra ter participado «nalgunha das primeiras edicións». «Nesta ocasión tocarame vela dende fóra, dende o coche [da organización]», engade Calo, que valora positivamente o traballo que desenvolven as entidades deportivas. «Temos un tecido asociativo moi dinámico», asegura, «o Concello dá o seu apoio, sobre todo en trámites administrativos, pero no seu traballo está a base para converter Cee no centro comarcal de servizos e de actividade física».

A xira sobre as dúas rodas fará parada este domingo en Cee por décimo oitava vez, e de novo promovida por La Voz de Galicia, RadioVoz e o Concello. A colaboración do Club Ciclista Cee, como cada ano, será esencial. Eles serán os encargados de acompañar e marcar o ritmo do pelotón. «Unha das mellores cousas que ten esta actividade é que é para todos: tanto se vas ao principio como ao final, nunca estarás só, pois tamén imos membros do club ao final do pelotón», indica o presidente, Antonio González.

Melloras nas instalacións deportivas

Co punto de partida no Centro Comercial Finis Terrae, os ciclistas percorrerán diferentes puntos do termo municipal: «É unha boa oportunidade para coñecer outros recunchos de Cee sobre as dúas rodas», considera Margarita Lamela, para quen será o primeiro Día dá Bici como alcaldesa, máis non como espectadora. Polo momento nunca se animou a subirse ao sillín, pero tampouco o descarta. O que si aprecia é un incremento na práctica deportiva no Concello, e os beneficios para a saúde que iso implica: «Nestas últimas recepcións oficiais os nenos ata me dixeron que sacan mellores notas dende que practican deporte». Tamén lle pediron melloras «moi razoables» nas instalacións municipais (vestiarios, pistas...), algo do que se ocupará «a curto ou medio prazo», pois considera esencial á hora de fomentar a actividade física.

Aínda que para actividade a que leva practicado todos estes anos Antonio González, do Club Ciclista Cee: «[O Día dá Bici] foi un dos primeiros actos nos que participei como presidente, polo que lle teño un cariño especial. Sobre todo eses anos nos que participei coa miña filla, porque este é un día para gozar familias enteiras: unha forma diferente de pasar o día. Quizais nun futuro poida levar algún netiño!», chancea González. Aínda que tamén se pon serio para facer un chamamento aos participantes: «Que traian o equipamento nunhas condicións mínimas: a bici, o casco, o calzado e roupa. É moi importante: hai que coidar eses pequenos detalles que están da nosa man».