A solución de rebacheo do viario a Touriñán non convence

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CEE

XESÚS BÚA

Varios grupos políticos manifestáronse en contra desta solución provisional

17 jul 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A solución anunciada de rebacheo da estrada de Touriñán (provisional, ata que non se formalice a transferencia aos concellos) non remata de convencer. A portavoz dos populares en Muxía, Sandra Vilela, asegura que o alcalde, Iago Toba, mentiu «deliberadamente» aos muxiáns asegurándolles que a obra estaba xa licitada, e que o anuncio de rebacheo «non é máis ca un intento de calmar aos veciños». Afirma tamén que o arranxo que necesita o viario non ten nada que ver coa transferencia, co cal a «escusa» dada polo rexedor non é válida: «O primordial é realizar a reparación, xa que é unha estrada moi transitada», di Sandra Vilela.

Tamén se pronunciou respecto diso o portavoz do BNG de Cee, Serxio Domínguez: «A solución definitiva ao lamentable estado da estrada vaise seguir demorando no tempo porque a Autoridade Portuaria non fixo os trámites precisos e correctos para levar a cabo a transferencia da vía aos concellos». Fala Serxio de «escurantismo» e di que este episodio lle lembra ao do heliporto de Ruibo.