Achan mortos a un peregrino alemán en Fisterra e a unha muller na súa casa en Cee

T. L. CARBALLO / LA VOZ

CEE

Jose Manuel Casal

O home tiña uns 70 anos de idade e, a muller, entre 55 e 60. Os sucesos producíronse con poucas horas de diferenza

25 jun 2019 . Actualizado ás 07:30 h.

Un peregrino alemán e unha mallorquina residente en Cee foron localizados mortos onte nas localidades de Cee e Fisterra con poucas horas de diferenza

O primeiro destes sucesos luctuosos localizouse en Cee onde unha muller, de entre 55 e 60 anos, foi achada morta no seu domicilio. Segundo as fontes consultadas foron uns veciños os que alertaron ás forzas de seguridade sobre as tres menos cuarto da madrugada deste luns. Segundo comentaron, as persoas que vivían na súa contorna levaban sen ver á muller, natural de Mallorca, desde facía un par de días. Chamoulles a atención que as luces da vivenda estivesen permanentemente acesas e que ninguén na casa respondese cando ían a timbrar. Ao manterse acendidas as luces durante a madrugada consideraron a posibilidade de dar a alerta.

Unha patrulla da Garda Civil de Corcubión avisou aos bombeiros para poder a acceder ao número 10 da rúa Río Ferrol. Precisaron dunha escaleira para entrar na propiedade, rodeada por un muro. Os equipos de urxencias localizaron á inquilina, apoiada contra a porta de entrada a unha caseta do xardín onde, supostamente, preparaba a comida aos seus tres cans. Os primeiros indicios apuntan a que a muller faleceu por causas naturais e que a morte a sorprendeu nos seus quefaceres cotiáns.

No hostal

Tamén onte foi achado morto un peregrino de nacionalidade alemá, duns 70 anos segundo fontes próximas ao falecido.

Aloxouse nun hostal de Fisterra, xunto con outros dous amigos. O grupo chegara o domingo á localidade fisterrá e tiña intención de regresar a Santiago hoxe para coller o voo de volta ao seu país. Sobre as sete da mañá os seus compañeiros chamárono ao teléfono móbil, pero non respondía. Intentárono chamando á porta, e tampouco. A xerencia do establecemento hostaleiro avisou a un cerrajero. Ao abrir a porta do cuarto onde se hospedaba localizaron ao peregrino morto tombado sobre a súa cama. Todo apunta a que faleceu debido a un infarto de miocardio.