Ricardo Bouzas e María Amigo Vaamil, dous emigrantes de Cee á Arxentina

Luis Lamela

CEE

GALERÍA DE EMIGRANTES | Nova entrega das crónicas da emigración escritas por Luis Lamela

23 mares 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Ricardo Bouzas foi natural de Cee, e estaba solteiro e traballaba de xornaleiro cando emigrou para a Arxentina con 19 anos sen ter cumprido coas obrigacións do servizo militar. Como moitos outros, Ricardo quixo buscar o seu lugar no mundo embarcando no vapor P. de Satrústegui no porto de Marín, para arribar a Buenos Aires o 25 de marzo de 1905. E, nese ínterin, Bouzas foi declarado prófugo do exército, aínda que en maio de 1908 foi indultado polo Goberno español. Pero non soamente naqueles difíciles tempos os homes aventurábanse no incerto camiño da emigración; tamén o facían as mulleres, unhas ao encontro de maridos, outras para escapar da marxinación social, caso de nais solteiras ou vítimas de agresións sexuais, ao quedar nos seus lugares de orixe marcadas socialmente para sempre; outras para dedicarse ao servizo doméstico... E, outras, como foi o caso de María Amigo Vaamil, tamén nada en Cee, para unirse aos seus noivos. María tiña 18 anos cando emigrou para o mesmo país suramericano, a Arxentina, dous anos máis tarde de haberse se o seu noivo, Ricardo Bouzas. No porto da Coruña tomou o vapor Cap Roca e arribou á capital federal o 22 de febreiro de 1907. Moi pouco tempo despois contraeron matrimonio na capital arxentina, unha unión que durou preto dun cuarto de século. María Amigo Vaamil (na imaxe, publicada en revístaa Alborada) faleceu, precisamente, o 13 de abril de 1932 aos 43 anos. E, alí, como tantos e tantos outros emigrantes oriúndos da Costa da Morte, descansan as súas cinzas e alí fixaron raíces tamén os seus descendentes e os descendentes dos seus descendentes.