Catro anos e medio de prisión a un santiagués por vender droga en Costa da Morte

t. l. SANTIAGO / LA VOZ

CEE

O procesado, que levaba en prisión provisional desde maio do 2018, viña dedicando desde agosto do 2017 á comercialización de estupefacientes

14 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Catro anos e medio de prisión e unha multa de 142.849,12 euros. Esa foi a pena imposta pola Audiencia Provincial contra un home nado en 1965 en Santiago e residente en Cee. Atribúeselle un delito contra a saúde pública na modalidade de tráfico de drogas «das que causan grave dano á saúde».

O procesado, que levaba en prisión provisional desde maio do pasado ano, viña dedicando desde agosto do 2017 á comercialización de estupefacientes. Segundo indica a sentenza, o condenado, sobre o que tamén pesan senllas sentenzas do 2008 e 2015 por delitos contra a seguridade viaria, comercializaba con sustancias estupefacientes, utilizando para iso o seu domicilio, situado en Cee, onde recibía aos consumidores. Noutras ocasións baixaba e atendía a súa clientela no portal.

A Garda Civil decidiu montar dispositivos de vixilancia nas inmediacións da casa e comprobaron como coñecidos consumidores accedían ao inmoble, permanecían uns minutos e marchábanse. Outras veces o acusado saía da súa casa a bordo de diferentes vehículos, transitaba polas rúas de Cee realizando innumerables paradas, durante as cales ía recollendo a persoas que o agardaban na beirarrúa, circulando con eles durante uns minutos ata deixar aos compradores de droga de novo na lugar de recollida.