A Fiscalía pide 6 anos de prisión e unha multa de 214.273 euros para un acusado de vender droga

Antonio Longueira Vidal
T. Longueira CARBALLO / LA VOZ

CEE

A investigación por parte da Garda Civil de Corcubión, co aval do Xulgado de Instrución número 2, comezou en agosto do 2017

19 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A Fiscalía pide para P. L. N. seis anos de prisión e unha multa de 214.273 euros por un delito contra a saúde pública, na modalidade de venda de droga, feitos presuntamente perpetrados en Fisterra, Cee e O Ézaro

A investigación por parte da Garda Civil de Corcubión co aval do Xulgado de Instrución número 2, comezou en agosto do 2017. Os axentes encargados do caso observaron como diferentes persoas se achegaban a un domicilio en Cee. Entraban no inmoble e saían aos poucos minutos. Noutras ocasións sería o agora acusado o que baixaba ao portal para atender a supostos consumidores de estupefacientes.

Os gardas civís decidiron entón establecer diferentes dispositivos de vixilancia nas inmediacións desta casa de Cee. Unha e outra vez confirmábase o modus operandi das persoas que accedían ao piso. Igualmente, os axentes comprobaron como o acusado saía do domicilio «en diferentes vehículos, transitando por distintas rúas de Cee e realizando innumerables paradas durante as cales recolle a individuos que o agardan na beirarrúa, circulando con eles dentro do coche durante uns poucos minutos ata deixalos de novo no lugar onde os había recolleito», segundo a Fiscalía. Esta forma de actuar continuou a comezos de novembro do 2017 cando o sospeitoso se trasladou a vivir a Fisterra, onde continuaría «con esta actividade ilícita en Cee, Fisterra e O Ézaro».

O 8 de maio do 2018, a Garda Civil interceptou un Ford Focus á altura de Sardiñeiro. Os axentes identificaron o condutor e atopáronlle droga. Por orde xudicial, realizouse un rexistro nunha vivenda, onde se localizaron cantidades de estupefacientes por valor de 71.424 euros. P. L. N. foi detido e a autoridade xudicial decretou o seu ingreso provisional en prisión.