«Xa non sei como agradecer tanto cariño»

Melissa Rodríguez
Melissa Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CEE

JORGE PARRI

A vimiancesa Carmen García recibirá un dous premio á superación de Correndo pola Costa

11 dic 2018 . Actualizado ás 15:46 h.

Carmen García García, de Vimianzo (1963), aínda que afincada en Cee, será a outra deportista que leve o premio á superación. Este ano diagnosticáronlle un cancro de pel na zona do pé e case non puido participar en ningunha carreira do circuíto. Aínda así, acudiu como espectadora á maioría das probas e mesmo se animou a participar na última, na de Fisterra, pese a non atoparse nas mellores condicións.

Nunha entrevista para este medio, expresou o que o atletismo significa para ela: «É algo que me encanta practicar porque chego a casa coa mente nova. A posición na que quede é o de menos. Para min o importante é chegar. Con cruzar a meta xa son máis forte», dixo. E tamén este circuíto: «O deporte é xenial, pero o da Costa da Morte... non hai palabras para describilo cunha xente marabillosa», comentou.

Onte, contou como recibiu a noticia do galardón: «Estou moi contenta. O que pasa é o de sempre. Que xa non sei como agradecer tanto cariño. O día da gala, non vou ser persoa. A entrega do premio vai ser un momento moi emotivo», asegurou. Do mesmo xeito, confesou que algunha vez xa soñou con recibilo: «Non sei por que me daba que mo ían dar. Presenciábao, e de feito, xa o comentara con algunha persoa [ri]».

Sobre quen a acompañará nesa xornada tan importante, expresou: «Dous fillos están fóra, a filla ten un traballo complicado e ó outro fillo a ver se lle dan libre. Vaia por Deus. Pero acompañaranme todos os compañeiros do circuíto, que son moitos e moi grandes».