A carballesa Nerea Vilariño ilustrará o cartel do San Xoán 2022

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Foi a gañadora do concurso convocado polo Concello, e ademais cunha proposta nova

21 may 2022 . Actualizado ás 05:00 h.

Hai xa tempo que Carballo quenta motores para SanXoán . Gota a gota vaise creando ambiente. Este venres deuse a coñecer o nome da gañadora do concurso do cartel que ilustrará a festividade: trátase da carballesa Nerea Vilariño Cabeza, de 20 anos. Está rematando os seus estudos de ilustración na Escola Pablo Picasso da Coruña e quere dar o salto á universidade para formarse en creación dixital, animación e videoxogos co fin de poder dedicarse ao seu soño, a animación cinematográfica.

Animada por un amigo, Nerea presentouse ao certame e achegou unha proposta nova, traslada o Concello. Nela non hai sardiñas nin cachelas, pero si outra das tradicións máis arraigadas á celebración, a de lavar a cara con auga de flores o día do patrón. «A ilustradora convídanos a desfrutar dunha festa en feminino, tanto polo motivo como polo colorido do cartel», apunta o Concello. Celebra, doutro lado, que a creatividade artística no municipio vaia a máis, algo que se demostra con este concurso, «porque vos últimos premios están a quedar na casa». Nerea toma a vez doutro carballés, Cervo Varela, gañador do certame na súa edición do 2019, cunha proposta tamén alternativa que evocaba o empoderamiento das avoas.

O traballo de Vilariño competiu con outros 40 carteis chegados de Vigo, Santiago, Coristanco, Malpica, Noia, Arteixo, Aranga, Oleiros, Pontevedra, Ferrol, Vilagarcía e Asturias. A cuarta parte dos artistas presentados eran carballeses.