Cristian Pombo, culturista: «A báscula chegou a ser unha obsesión»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

ATLETAS DO ATLÁNTICO | «A túa familia ten que comprenderche, e non hai demasiada xente que entenda isto», di o deportista carballés, que vén de cultivar varios títulos estatais e xa ambiciona logros a nivel internacional

06 dic 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

En 2018 dixo que o seu próximo reto era conseguir un título estatal e non tardou nin tres anos —pandemia mediante— en logralo. O carballés Cristian Pombo vén de cultivar tres trofeos na última competición estatal de fisioculturismo , entre eles o de «campión absoluto classic bodybuilding», relata. O próximo reto: facerse cun recoñecemento internacional.

Xa falou anteriormente da súa rutina de adestramento, das quince claras de ovo que pode comerse no almorzo, ou da media tonelada que chegou a levantar en pesas, pero, hoxe, buscamos coñecer á persoa detrás do culturista.

—Como lle afectou o confinamento?

—Para min o adestramento é unha terapia, se mo quitan vólvome tolo. Non as tiven todas comigo, pero continuei coa dieta e en canto abriron os ximnasios volvín á carga.

—Necesita música para adestrar?

—Moitísimo, sobre todo para o exercicio cardiovascular. Ten que gustarme moito e mesmo pórme un pouco nervioso.

—Que hai no seu playlist?

—Uf, se a ves dáche un patatús. Hai desde Os Chichos a rock, electrónica, hip-hop ou baladas.

—Pero unha balada motiva o suficiente para adestrar?

—Para adestrar [musculatura] necesito algo máis forte, pero para cardio e coreografías válenme. En 2017, a tres días dun campionato, cambiei toda a coreo para dedicarlle a de Dirty Dancing á miña nai, que é a súa favorita. A pobre botouse a chorar e non puido nin gravar nada [ri].

—Tamén axudará ter a compañeiros nos que apoiarse.

—Sen dúbida. Agora adestro cun compañeiro que sairá pronto a competir e motívame moitísimo: aprendo cousas del.

—Hai idade de xubilación nisto?

—Para nada, é o deporte máis lonxevo que hai e eu penso seguir ata os 60, se chego alá e a vida permítemo. Nas competicións ves corpos de 60 que xa lle gustaría a algún de 20. ¡Ou a min!

—Vive diso?

—Tamén son adestrador persoal e levo dietas. Antes era pintor, pero a rutina que require este deporte non a soporta calquera traballo: á parte do exercicio, comemos cada dous ou tres horas.

—É compatible coa familia?

—Teñen que comprenderche, e non hai demasiada xente que o faga. Eu teño moita sorte coa miña e de feito a miña nai e o meu irmán son os meus maiores fans, pero pode darse o caso de que xente que crías os teus amigos déanche de lado porque non entenden o que fas. Ademais, cando estamos a dieta somos un pouco inaguantables [ri]: despois de machucarche e de correr dez ou doce quilómetros, chegas a casa e o que máis che apetece é unha pizza ou un filete frito, pero tes que conformarche co teu arroz e o teu pito seco.

—Como saca forza de vontade?

—Oxalá o soubese. A comida é o que mellor levo, aínda que pareza mentira. De feito, cando empecei en todo isto tiña parella e eu facíalle a súa comida, preparábame despois a miña dieta e non tiña ningún problema con iso. Aínda que non sempre foi igual e houbo anos nos que me custou máis.

—Que importante é a mente...

—Pode ser o teu maior aliada ou o teu peor inimiga, así que tes que conseguir que traballe para ti. Moita xente venos como persoas prepotentes, pero iso non é así e, de feito, a maioría somos moi inseguros.

—É así como empezou vostede?

—Si. Collera algo de peso e como sempre fun moi presumido apunteime ao ximnasio para mellorar o meu físico. En canto entrei, souben que ese era o meu sitio.

—Como foi o seu primeiro torneo?

—Pois quedei último [ri], pero serviume para ver o que había e para comprobar que non me daba vergoña estar no escenario. Porque, ollo, non vale calquera: ponche un taparrabos e, á, a bailar diante de corenta persoas.

—Nada de saír de festa, alcol...

—Despois do último campionato collinme tremenda borracheira, pero arrepentinme ao momento. Aínda que despois das competicións podo permitirme algún exceso, en realidade non o fago porque me sinto mal. Recordo que despois do meu primeiro campionato cominme non sei cantas hamburguesas do McDonald's. Claro, despois de tomar diuréticos, de deshidratarte nos días previos e de non probar o sal, o efecto rebote foi brutal.

—Merece a pena todo iso?

—Pregúntanmo moito, pero isto é o que me fai feliz e o que me fai levantarme pola mañá cun obxectivo e con ganas de comerme o mundo.

—Algunha vez temeu pola súa saúde?

—Unha vez, nunha etapa de volume, metemos demasiadas calorías e hidratos e «petei». Acabei perdendo vinte quilos e psicoloxicamente destruído. Noutra ocasión, facendo sentadillas con 200 quilos, quedei á metade da quinta e, como estaba só, tiven que tirar con todo. Tremeu o ximnasio e creo que me oíron ata en Coristanco.

—A súa mellor amiga é a báscula?

—Agora guíome máis polo que vexo no espello, pero tiven etapas de pesarme despois de cada comida. Chegou a ser unha obsesión.