O Basket Xiria impón o factor cancha e vence ao Costa Ártabra

Pablo Varela Varela
p. varela CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCÍA

Os carballeses venceron (87-71) tras un arreón clave ao final do encontro

24 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Victoria de peso para o Calvo Basket Xiria, que se impuxo onte en casa ao Club Baloncesto Costa Ártabra (87-71) tras un encontro igualado que se acelerou no tramo final, cando os carballeses apertaron o paso e, co acerto exterior de Julio Flores desde a liña de triplo, distanciáronse para levantarse á vitoria.

O Calvo Basket Xiria foi por diante durante todo o encontro, sempre por unha marxe de seis ou sete puntos, e houbo que agardar ata o último cuarto para que a balanza se decantase a favor do conxunto local. «Foi todo nos cinco minutos finais, porque por media hora sempre nos intentamos distanciar pero o Costa Ártabra é un equipo que volve aos partidos», expresou Arturo Ferraces, coordinador técnico do Escola Basket Xiria.

Ferraces valorou a boa actuación dos seus, dominadores durante gran parte do choque e que se envorcaron en busca dun arreón xustamente ao final, cando varias faltas do Costa Ártabra, que buscaba reverter o resultado, axudaron aos carballeses a pór terra polo medio para gañar por unha marxe de dezaseis puntos. «Foron intensos e puxérono todo da súa parte para remontar, pero ese esforzo final valeu a pena», concretou Ferraces, que valorou o protagonismo colectivo dos xogadores, coa puntuación moi repartida entre todos.