Plumas con mando | Mil outonos máis

Marcos Trigo Facal

CARBALLO MUNICIPIO

Nesta encrucillada redescubrimos o valor de todo o que nos importa. Escribe Marcos Trigo, edil de Cultura de Carballo 

19 sep 2021 . Actualizado ás 22:50 h.

Comparto con Henrique Mariño o interese polas distopías literarias mais, aínda que el lle atribúe a un galego o mérito de ser o pioneiro neste xénero, non creo que ningún de nós pensara en vivir unha historia así en primeira persoa. Pero agora que nos atopamos no segundo ano da pandemia do coronavirus moitas cousas mudaron e, aínda que a normalidade (a vella) parece cada vez máis preto, vemos as cousas doutro xeito.

Durante este tempo de medos, incertezas e frustracións pasaron a ser habituais expresións que nunca utilizaramos como «contacto estreito», «toque de queda», «peche perimetral» ou «distancia social». Situacións cotiás como estar con amigos e familia ou actividades frecuentes como tomar un café, ir ao teatro, ao fútbol ou a bailar deixaron de ser posibles para logo realizarse limitadas por un «protocolo covid». En definitiva, nesta encrucillada redescubrimos o valor de todo o que nos importa, unha grande aprendizaxe para unha sociedade madura (desculpen o optimismo).

Apoio decidido

Ante crises coma esta hai quen pon en cuestión os investimentos na cultura e no deporte. Sen embargo, en Carballo apostamos polo apoio decidido a estas áreas como xeradoras de economía, traballo, benestar e saúde. O seu importante peso no orzamento municipal é un reflexo de como respira a sociedade carballesa e non debemos subestimar a forza dunha comunidade que se apoia nestes fundamentos.

En primeiro termo, Marcos Trigo
En primeiro termo, Marcos Trigo ANA GARCIA

Carballo fixo un gran esforzo para abrir as instalacións deportivas e culturais á poboación, poñer en marcha unha escola de natación para que cincocentos nenos e nenas aprendan a nadar, realizar unha programación cultural ampla e de calidade que por primeira vez se pode ver desde o fogar ou axudar ao deporte de base a retomar a actividade tan necesaria para a saúde física e mental despois do confinamento. Todos os outonos Carballo transmite as mellores sensacións dun lugar comprometido coa cultura e o deporte: festivais, eventos deportivos, aulas de teatro, bandas de música, escolas deportivas, contacontos, etc.

A realidade condiciona a súa organización e implica un esforzo moito maior que na situación previa á pandemia para garantir unha actividade segura mais este outono a diferenza do anterior moita xente está de volta.  Aínda queda camiño por andar, pero o esforzo e a ilusión por reencontrarnos e compartir aquelas sensacións doutros outonos danos azos para seguir dando o mellor de nós aínda que, polo momento, sexa detrás dunha máscara.