O PP carballés pedirá que o pleno reclame á Xunta a ampliación do centro de saúde

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

Solicita a reforma integral e a súa conversión nun Centro Integral de Saúde que dea servizo a todo Bergantiños

19 sep 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O PP de Carballo, a través do seu deputado autonómico e concelleiro, Rubén Lorenzo, levará ao pleno deste mes unha moción na que insta o goberno local a que solicite á Xunta a reforma integral e a ampliación do centro médico, para que se converta nun Centro Integral de Saúde que dea servizo a todo Bergantiños.

O PP sinala que a comarca «cumpre cos requisitos» para ter esta infraestrutura, do mesmo xeito que a que se está construíndo en Lalín para dar servizo a Deza, unha área con máis de 60.000 habitantes, cuxa capital está a unha distancia aproximada de media hora en coche ao hospital de referencia.

Atención primaria

«Como capital da comarca, Carballo ten unha atención primaria na que están incorporadas todas as actividades da carteira de servizos cos que conta este nivel asistencial, tanto en atención primaria como en servizos de atención especializada (cirurxía xeral e dixestiva, xinecoloxía, oftalmoloxía, radiodiagnóstico, reumatoloxía, traumatoloxía e unidade de saúde mental), ademais do punto de atención continuada», indica o PP. Todo iso, nun edificio que se atopa «en boas condicións», feito que para o PP é determinante á hora de pensar nese novo centro integral, polo que non sería necesaria a construción dun novo edificio.

O deputado carballés Rubén Lorenzo considera que é necesario apostar por unha reforma integral e unha ampliación do actual, o que «permitiría potenciar a súa capacidade resolutiva e dar cabida á incorporación dun maior número de servizos e pacientes».

O representante parlamentario engade: «A mellora constante dos servizos sanitarios para prestar unha atención de calidade é un dos principios fundamentais do Sergas. En Galicia xa se están construíndo novas infraestruturas sanitarias máis amplas e humanizadas, e Carballo non pode quedar fóra do novo escenario de transformación e consolidación dun novo modelo de atención primaria máis proactivo e con maior vocación comunitaria».

O PP, doutra banda, presentará outra moción para reclamar ao Goberno central que facilite unha mellor cobertura de persoal médico na atención primaria a través, entre outras medidas, dunha convocatoria extraordinaria de prazas MIR para que se poidan incorporar máis profesionais.