O décimo terceiro Autocrós Carballo bate marcas

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana Garcia

Case 120 pilotos participarán na proba do Campionato de España esta fin de semana

07 jul 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Non puido ser no 2020 pola pandemia, pero o Autocrós Carballo volve con máis forza con marca de inscritos na súa décimo terceira edición. Será esta fin de semana no circuíto de Bértoa cunha participación de 117 pilotos. Forma parte do Campeoanto de España, sendo a cuarta proba puntuable.

O Club Rali Coruña e o Concello de Carballo presentaron onte o evento na casa consistorial e as súas inmediacións coa presenza do deportista local, ademais de empresario vinculado ao sector, Maikel Vilariño, quen achegou dous dos seus coches de carreiras fabricados no polígono bergantiñán que triunfan polo mundo. Retirado da competición precisamente para centrarse no seu negocio, A Base, volverá subirse a un kartcrós para a ocasión: «As da casa non se poden perder», comentou este martes.

Haberá pilotos ingleses, portugueses e grandes destacados a nivel nacional, adiantaron Ernesto Rumbo e Juan Fernández, membros da organización. Por exemplo, na División I concursará Iván Ares, experto en ralis, co Mitsubishi co que correu o seu pai Santiago nas mesmas pistas hai tempo, aínda que adaptado, claro. Tamén haberá unha boa representación da comarca co cercedense Perfecto Calviño ou a pontecesana Sandra García, na mesma categoría. En carcrós será onde haberá o maior número de corredores, 45, dos que só 15 clasificaranse para a gran final. Estará moi rifada a competición, pois.

Un milleiro de afeccionados posibles

«Había ganas de volver», dicía o alcalde, Evencio Ferrero. Para exemplo, o gran número de anotados, que á súa vez é marca no que vai de campionato, e a gran cantidade de reservas de entradas que está recibindo a organización no teléfono 689.844.185. Así mesmo, pódense comprar en despacho de billetes o propio sábado e o domingo, se é que aínda quedan, pois das 1.000 dispoñibles, o luns xa se reservaron 270. O interese tamén se está notando na hostalería e a restauración da zona. As boas instalacións de Carballo forman parte, igualmente, do éxito.

«Sentidiño» pide o club coruñés neste sentido para o público que se desprace a Bértoa a ver o espectáculo. Tomaráselles a temperatura corporal na entrada do recinto e deberán portar a máscara e manter a distancia de seguridade. Aos participantes redúceselles a seis o número de persoas por equipo e fáiselles un cuestionario previo dentro do protocolo covid.

Os kartcrós da Base

O concelleiro de Deportes, Marcos Trigo, tamén estivo no acto, no que Maikel Vilariño informou de que desde que lanzou o modelo RX01 no 2018 fabricou sobre uns 85 vehículos para «toda Europa» e ten 35 en lista de espera, o que o converte nun dos principais fabricantes a nivel galego. Sete deles estarán presentes no autocrós desta fin de semana. O venres haberá adestramentos libres, o sábado levarán a cabo as dúas primeiras mangas desde as 16.30 horas, e xa o domingo disputaranse as finais, sendo a decisiva ás 12.30. Posteriormente realizarase a tradicional entrega de trofeos.