A entidade Aspaber adhírese a un dos pactos mundiais da ONU

s. g. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Dolores Fernández, directora de Aspaber
Dolores Fernández, directora de Aspaber Ana Garcia

Cada dous anos deberán enviar a denominada «comunicación de involucramiento». Este paso adiante na liña de traballo vén marcado polo seu afán de mellorar

26 mares 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A entidade carballesa Aspaber acaba de adherirse a un dos pactos mundiais impulsados pola Organización das Nacións Unidas (ONU). En concreto, os dez principios do pacto mundial en materia de dereitos humanos, dereitos laborais, medio ambiente e a loita contra a corrupción. É toda unha declaración de intencións, de principios éticos e sociais a cumprir no seu traballo diario.

Así llo fixeron saber desde a asociación nunha carta a António Guterres, secretario xeral da ONU, con sede en Nova York. «Expresamos a nosa intención de apoiar e implementar estes principios no marco da nosa esfera de influencia. Informaremos puntualmente deste compromiso aos nosos grupos de interese e ao público en xeral», explica a misiva que asina a xerente, Dolores Fernández.

Non queda aí o compromiso: «Tamén nos comprometemos a involucrarnos das seguintes formas: propor e implementar alianzas sobre sustentabilidade corporativa, e interactuar con outras partes interesadas». En segundo lugar, o apoio aos participantes comerciais do Pacto a medida que implementen e informes sobre os seus esforzos en materia de sustentabilidade», tamén comprometerse coas redes sociais dese Pacto, e unirse e apoiar as plataformas de emisión e fluxos de traballo.

Comunicar os logros

Non vale só con dicilo, porque cada dous anos deberán enviar a denominada «comunicación de involucramiento», que servirá para describir os esforzos para pór en marcha ese decálogo de principios e conduta responsables. «Apoiamos a transparencia e a rendición de contas, e polo tanto comprometémonos a reportar o progreso de aquí a dous anos de ter ingresado ao Pacto Mundial, e cada dous anos desde esa data», indican desde Aspaber.

Este paso adiante na liña de traballo vén marcado polo seu afán de mellorar, e de apoiar a chamada Axenda 2030 sobre desenvolvemento sostible, «unha oportunidade para que os países e as súas sociedades emprendan un novo camiño co que mellorar a vida de todos», indica a entidade.

Esa Axenda teñen 17 obxectivos de desenvolvemento sostible, tamén coñecidos como Obxectivos Mundiais, «e son un chamado universal á adopción de medidas para poñer fin á pobreza, ó cambio climático, a desigualdade económica, e potenciar a innovación, o consumo sostible, a paz e a xustiza, entre outras», explica Aspaber. Este colectivo que traballa pola integración e formación de persoas con diversidade funcional «quere contribuír dende unha nova proposta na que a medición do rendemento da organización non se centre no valor xerado pola mesma para os propietarios, e que os indicadores sexan unicamente de carácter financeiro». Denomínano «valor social, por reflectir o valor que unha determinada entidade xera cara o conxunto da sociedade». Non foi só Aspaber, senón doce entidades en todo o país que realizan un traballo similar.