Unanimidade co POS en Carballo, de 1,4 millóns

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

CONCELLO

A Deputación achega case 400.000 euros para gastos sociais

27 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Como era previsible, as obras do POS+ de Carballo foron aprobadas cos votos unánimes dos 20 edís presentes na sesión plenaria telemática celebrada o luns pola noite. Obras e servizos, realmente, porque do total de 1.413.303 euros, máis ou menos a metade destínase a gasto corrente, co que os fondos municipais correspondentes libéranse para outros investimentos, axilizando os procesos de contratación e execución de obras. E a outra parte, preto dos 700.000 euros, queda para unha obra única que culmina un proxecto maior: o abastecemento de auga desde o Igrexario de Lema ata A Pedra do Sal, completando a canalización da costa. Dos máis de 687.000 euros que custará, o Concello achega un pouco menos do 10 %, 60.530 euros.

O feito de que este diñeiro sexa destinado a abastecemento foi moi ben valorado por TeGa, PSOE e PP, de aí o voto favorable. Inclúe as obras do plan complementario, moi relacionadas coas anteriores: melloras no abastecemento de varias rúas do centro urbano (e substitución de tubaxes de fibrocemento), por 169.000 euros; conexión dos depósitos das dúas captacións de auga nos ríos Bardoso e Anllóns, para separar as redes cando haxa incidencias (145.158 euros); saneamento e abastecemento en Vilar de Uz (Oza), por 230.194 euros, e conservación de vías no lugar dos Vilares, en Sísamo, por 232.168 euros.

Outro dos puntos que tamén trataba sobre investimentos logrou, así mesmo, a unanimidade: o plan adicional da Deputación para financiar gastos sociais extraordinarios, derivados das necesidades da pandemia. A institución provincial achegará 384.932 euros, que unidos aos 851.274 que pon a Xunta, deixa a achega municipal para o servizo de axuda a domicilio (e gastos derivados) en 103.111 euros, ata completar os 1,33 millóns que custa esta prestación.

No pleno tamén se debateu unha moción do PP para crear un fondo de axuda á hostalería. Foi presentada por Paula Nogueira, e incluía numerosas actuacións para axudar ao sector, implicando a todas as Administracións. Xosé Regueira, do BNG, explicou que viña dunha reunión multilateral con representantes de todas as Administracións e varias entidades representativas para tratar precisamente sobre as axudas a pór en marcha. Este tema xerou un certo debate entre os grupos, pero finalmente el PP accedeu a deixalo sobre a mesa á espera do que se poida decidir nunha nova reunión que se celebrará omércores . Andrés Eirís, de TeGa, dixo que o Concello debe achegar moito máis. María Carmen Blanco , do PSOE, que hai que axudar a máis sectores.

Melloras en paneis dos pasos de peóns do centro urbano

Unha boa parte do pleno estivo capitalizado polas numerosas preguntas e rogos, que correron exclusivamente a conta de Terra Galega, da man de Andrés Eirís. Entre elas, os fallos que se produciron nalgúns dos paneis luminosos de aviso de paso de peóns. A edila Milagros Lantes explicou que non fallaron os detectores, si os paneis señalizadores. Dous xa se cambiaron, e se non hai máis fallos e funcionan ben, esas substitucións seguirán adiante.

Eirís tamén se interesou polos numerosos contratos menores da área de Promoción económica, ao que o edil responsable, Xosé Regueira, indicou que se formalizan «os imprescindibles, os xustos e necesarios», e que todos eles poden consultarse no portal de transparencia. Tamén pediu que o diñeiro destinado a unha auditoría sobre o saneamento poderíase destinar ao estudo das augas residuais para detectar posibles indicadores de covid. Custará 122.585 euros en catro anos, como especificou a edila Milagros Lantes, algo que xa estaba previsto, e non un «agasallo» á empresa que o leve a cabo, xa que de momento o concurso quedou deserto.

TeGa tamén quixo saber se houbo reunións nos centros sociais parroquiais en fins de semana sobre todo. Marcos Trigo indicou que nos poucos actos que houbo, a petición dos veciños, cumpríronse os protocolos.

TeGa tamén se interesou por varias cuestións relativas á Policía Local, a bacheos nas rúas Labarta Pose e Otero Pedraio, niños de velutina baleiros sen retirar no paseo do Bosque e a posible recuperación do campo de fútbol de Ramil, en Sísamo.