21 días

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O Outeiro

CARBALLO MUNICIPIO

LOLITA VAZQUEZ

27 ene 2021 . Actualizado ás 11:21 h.

Hoxe xa non haberá paseo co avó. Hoxe xa non haberá coliño coa avoa. Hoxe xa non poderá ir buscar a Iago ao cole da man da tía. Hoxe empezan 21 días de peche, que se suman aos outros 21 que levamos sen poder abrazar á outra avoa. Onte a pequecha non entendía os ollos vidrosos do avó cando ela lle dicía «chau» toca contenta nos brazos de papá antes de volver á casa. Nin entende (por fortuna) o ton triste da avoa de Carballo ao empezar a contar os novos 21 días que quedan -esperemos que sexan eses- para poder tocarnos de novo. Hoxe comezan 21 días que espero que sirvan para resetear o sistema, como din desde Sanidade. Para que consigamos frear esa curva disparada. A de casos, a de hospitalizados, a de ingresos na uci, a de falecidos. Ás veces parece que só son números. Pero detrás de cada un hai unha persoa, e toda unha familia preocupada, ou vencida pola dor, no peor dos casos. Ou en ambas situacións, cando teñen falecidos e hospitalizados. Hoxe separámonos e gardámonos para intentar coidarnos. A nós. A eles. Oxalá sexan 21 días e pronto poidamos xuntarnos. Empezamos unha renuncia máis, a que chega despois de meses sen ver aos amigos. E dun xaneiro sen visitar á familia. Faise cansado, si. Pero toca seguir. A pandemia é mundial, cada día morren moitas persoas por coronavirus. E aos que estamos ben só se nos pide unha cousa: que quedemos na casa. Tampouco parece o máis difícil do mundo. Non sexamos nenos (ou si, que eles ben se están portando) e fagamos o que nos piden. Só son 21 días. E despois volverán os paseos co avó. Os coliños das avoas. A espera á porta do cole.