A poboación estranxeira hase cuadriplicado na Costa da Morte nos últimos 20 anos

Santiago Garrido Rial
S. G. RIAL CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

CARMELA QUEIJEIRO

Xa hai máis de 2.200 foráneos empadroados, cun gran salto producido durante o ano pasado, en plena pandemia

24 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Nos 16 municipios de Bergantiños, Soneira e Fisterra, ademais de Cerceda, hai 2.260 estranxeiros empadroados. Moi probablemente a cifra é superior, pero eses son os que aparecen de xeito oficial no censo, que acaba de publicar, como todos os anos en xaneiro, o Instituto Nacional de Estatística (INE). Son datos correspondentes ao 2020, recollidos xa a mediados de ano, co que a cifra real pode variar nalgúns casos coa actual.

A cifra de 2.260 é significativa por varios aspectos, máis aló das meras dinámicas que se apreciaban sempre dun exercicio para outro para quen estivese atento a estes datos. E cando había saltos notábanse ben: a chegada de poboación de Arxentina e do Uruguai, sobre todo a Carballo, a principios de século; a marcha cando chegou a crise económica, emigración local incluída... Polo demais, case rutinas, con alzas e baixas.

Pero esta nova cifra si é rechamante. En primeiro lugar, é a máis elevada desde que o censo se publica do actual xeito, cun cambio iniciado no 2001. En segundo lugar, cuadriplica os datos daquel primeiro momento, cando apenas se superan os 500 veciños do estranxeiro. É certo que os datos dos empadroamentos hanse afinado moito desde entón, pero aínda así dá unha boa idea do crecemento, que contrasta coa baixada xeral de poboación municipal: os case 110.000 veciños da zona sono grazas a eses máis de dous mil foráneos.

E outro aspecto moi relevante é o crecemento do 2019 ao 2020: de 1941 a eses 2.260. Son máis de 300 altas, e iso non adoitaba verse. Xa só en Carballo pasou de 657 a 766, case un centenar do total, pero hai alzas en máis lugares. A Laracha, por exemplo, de 235 a 282. Tamén hai descensos, pero poucos.

En Carballo non hai concellaría de Inmigración, pero no departamento de Benestar si hai relacións con bastantes estranxeiros. O ano pasado, menos, porque polas restricións da pandemia moitas xestións (como o resto de lugares) foron telemáticas. Maica Ures, a edila responsable, sinala que xusto antes dos peches si ver máis movemento, sobre todo para liquidar dúbidas xurídicas e administrativas. Tamén lle constan casos de xente que chegou a establecerse simplemente porque lle gustou o municipio. E, tamén como en máis puntos, houbo altas de emigrantes retornados acompañados das súas familias, que en bastantes casos seguen constando coa súa nacionalidade orixinal. Durante todo o ano se viron chegadas (e compras de casas) de persoas que buscaban máis tranquilidade que nas cidades, tanto de España como do estranxeiro, e iso acábase reflectindo no padrón.

Pero municipios heteroxéneos adoitan ter respostas heteroxéneas. Os peregrinos que deciden quedar só se notan nas localidades pola que pasa o Camiño, sobre todo Fisterra, Muxía ou Cee. E os motivos laborais tamén son unha poderosa razón.

Quizais un dos casos máis significativos sexa o de Cerceda, onde no 2020 constaban a residencia de 92 portugueses, a cifra máis elevada de toda a comarca, e con diferenza. A explicación é sinxela, e está relacionada coa empresa Malasa, onde traballan (ou polo menos o facían o ano pasado) unha boa parte deles, ou case todos, nunha empresa que xera preto de 700 empregos.

Este fenómeno hase visto en máis ocasións ligado a traballadores do mar nos portos máis destacados, procedentes sobre todo de África (en Fisterra constan 43 senegaleses), ou tamén para empresas da construción. Incluso os lazos familiares acaban atraendo a moitas persoas, sobre todo no sector comercial de orixe asiática.

Municipios como Carballo teñen residentes de polo menos 30 países, pero en realidade son máis. O barómetro municipal, que xa non se elabora, si os recollía todos..