Carballo saca do remanente máis de 420.000 euros para gastos do covid

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO /LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

A medida será aprobada no pleno do luns. Por outra banda, xa se superaron as 10.000 solicitudes dos cartóns-bono Sempre Carballo

26 sep 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Carballo poderá gastar ao fin algo do seu millonario remanente. Só algo máis de 420.000 euros, pero un diñeiro necesario para facer fronte aos numerosos e heteroxéneos gastos que está a xerar o covid ás arcas municipais. A medida será aprobada no pleno do luns (fose da orde do día), e foi anunciada onte polo alcalde, Evencio Ferrero, xunto á edila Milagros Lantes.

O rexedor explicou que estiveron a agardar ata o último momento para ver se hai ou non cambios normativos que permitan gastar fondos do remanente, con moito debate político estatal ultimamente. Pero como non había avances, optaron por acudir a unha vía legal que si permite acceder a eses en circunstancias extraordinarias, excepcionais, e sempre coa xustificación do último detalle de cada compra. «Son motivos sobrevidos», imposibles de prever nos orzamentos, sinalou Ferrero, e tanto no DOG como no BOE apareceron outros investimentos por motivos similares, por iso é polo que se optou por esta excepcional solución.

Entre os gastos, inclúese material sanitario como máscaras, luvas, equipos de protección integral... Tamén a limpeza nas escolas infantís de Cances ou Sísamo, que non están incluídas no contrato de Aspaber, ou limpezas, desinfeccións e vixilancias de centros educativos, sempre ata o 31 de decembro. En «outros traballos» inclúese por exemplo a coloración e análise en Cances, Sofán e Artes, e o material sanitario e produtos de limpeza e aseo son para o Conservatorio e persoal de limpeza e unitarias e o colexio A Cristina.

Na reforma de equipamentos inclúese un novo sistema de control de acceso a instalacións culturais e deportivas, e a conserjería e entrada a Servizos Sociais serán reformadas.

Dez mil cartóns

Por outra banda, xa se superaron as 10.000 solicitudes dos cartóns-bono Sempre Carballo. Tras a avalancha inicial, das case 5.000 en 24 horas, o ritmo ha ir a menos, explican desde o goberno local, aínda que cunha media diaria de máis de medio milleiro de peticións, «o que supón un indicador máis da boa acollida do programa impulsado dende a Concellería de Promoción Económica», engaden.

O cartón, que ten un saldo de 30 euros, entregarase gratuitamente a todas as persoas maiores de idade, con residencia no municipio, empadroadas ata o 31 de xullo. Para solicitalas hai que cubrir o formulario env www.semprecarballo.gal.