A demanda na unidade de atención temperá de desenvolvemento infantil dispara a espera ata os 90 días

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

JOSE MANUEL CASAL

O ano pasado foron 142 as familias que recibiron prestacións de apoio

23 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Tres meses é o que agora teñen que agardar os pais de nenos con necesidades especiais para que os seus fillos sexan vistos na unidade de atención temperá de desenvolvemento infantil aberto en Carballo e que acolle a familias de todo Bergantiños. O ano pasado foron 142 as que recibiron as 2.408 prestacións de apoio personalizado e as 505 actuacións de coordinación con outros profesionais e recursos. Son os datos deste servizo que financia integramente a Consellería de Política Social.

A Asociación Galega de Atención Temperá, que leva a prestación, xa solicitou un incremento no convenio coa Xunta para aumentar o persoal e que as familias non teñan que agardar tanto tempo.

A unidade que ocupa o semisótano do antigo ambulatorio abriu as súas portas no 2014 e desde entón a demanda non parou de crecer para atender a nenos menores de 6 anos con problemas ou dificultades en aspectos como o evolutivo, os afectivos e emocionais, de conduta, de comunicación e linguaxe e motrices ou cognitivos. Ata a apertura do servizo, as familias tiñan que desprazarse á Coruña ou a Santiago, o que supuña un considerable esforzo.

A maior parte dos pacientes son de Carballo (57 %). O resto proceden da Laracha, Ponteceso, Malpica, Laxe, Cabana e Coristanco e o número de familias adoita ir en consonancia coa poboación.

A gran demanda vén dada tamén polo nivel de satisfacción dos afectados, que durante o 2019 participaron nunha enquisa. A prestación obtivo unha media de 4,84 puntos sobre 5, aínda que os mellores datos (4,96) déronse en cuestións que teñen que ver coa calidade do persoal, porque os pais o que máis valoraron foi a acollida, ser escoitados e a confianza que teñen no servizo, prestado por psicóloga, psicomotricista, logopeda e administrativo. A atención, gratuíta, pódese solicitar no 881 946 410 ou no correo bergantinos\atenciontemprana.com