Se vas a Dublín ou a Lisboa, pasas por Carballo

La Voz

CARBALLO MUNICIPIO

SANTI GARRIDO

21 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Onde van, ou de onde veñen, as decenas de avións que cada días cruzan o ceo da Costa da Morte? Durante moitos anos ese dato era un misterio, aquí e en todas partes, salvo para as persoas relacionadas directamente coa aviación, pero fai xa bastante tempo que se pode saber absolutamente todo de calquera avión que pase sobre as nosas cabezas, ou máis ben que se estea movendo en calquera parte do mundo. Hai moitas aplicacións que informan en tempo real do nome da compaña, orixe e destino, tempo de voo e de chegada, velocidade e altitude, rumbo, DNI completo e imaxes do avión.... Todo. Así que xa non hai secretos. De feito, quen consulte de xeito habitual estes programas e sexa un adicto aos avións case pode adiviñar as rutas con só mirar ao ceo, aínda que obviamente hai cambios habitualmente.

Pero hai patróns comúns, sobre todo dous: as rutas de entrada e saída cara a ou desde América, e as europeas. Un dos voos máis comúns é o que enlaza (en diferentes compañas) Dublín con Lisboa ou Faro, no Algarve portugués. Todos eles pasan sobre a vertical de Carballo. As referencias son incontables. Onte, por exemplo, ás 15.30 horas, un Boeing 737 de Ryanair pasaba sobre a capital de Bergantiños desde Lanzarote e cara a Dublín. Voaba a 10.972 metros e facíao moi lento, a só 680 quilómetros por hora.

Minutos antes pasara o Lisboa-Dublín de quenda. A media mañá, antes do mediodía, as rutas habituais son as intercontinentais con América, case todas con orixe ou destino en Madrid (e Barcelona, menos) e no outro lado, desde Nova York a Los Ángeles, pero tamén México ou algúns puntos de Centroamérica, aínda que neste caso adoitan voar máis ao sur.

Un avión Airbus 350 (os máis modernos da flota española) de Iberia procedente de San José (Costa Rica) entrou onte por Camariñas sete minutos antes das 9.00 con destino Madrid, onde chegaría 49 minutos máis tarde. Os voos de cada día darían para un completo diario de viaxes que teñen en común a Costa da Morte.