Faleceu Primitivo Mareque Liste, que foi médico privado de varias xeracións de carballeses

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Deixa esposa (Carmen Facal Ponche, irmá do artista Manuel Facal), e dous fillos, Jorge e Alejandra

16 ene 2020 . Actualizado ás 08:56 h.

O Colexio Oficial de Médicos da Coruña despedía este mércores, cunha necrolóxica, a Primitivo Mareque Liste, falecido o luns en Carballo aos 80 anos, onde foi enterrado o martes. Deixa esposa (Carmen Facal Ponche, irmá do artista Manuel Facal), e dous fillos, Jorge e Alejandra.

Primitivo Mareque foi o médico de varias xeracións de carballeses. Non a través do centro de saúde e da Seguridade Social, na que decidiu non entrar cando moitos colegas de profesión si o fixeron, senón na súa consulta privada da rúa Desiderio Varela.

Nacera en Arxentina, e establecido en Galicia estudou Medicina en Santiago. Non se centrou só na súa profesión, senón que fixo carreira no fútbol. Aos 20 anos comezou a xogar no equipo do Vista Alegre, do barrio situado ao norte de Compostela, onde estaba o campo de fútbol de Santa Isabel.

Nel estivo ata os 30 anos, pero non de xeito ininterrompido, senón que antes pasou algunha tempada no Noia, e mesmo una no Bergantiños, a 63-64, segundo lembraba nunha entrevista publicada en La Voz a mediados dos 80.

Xa establecido en Carballo, tamén xogou nos veteranos do Bergantiños, e o mesmo nos primeiros equipos de fútbol sala de Carballo, nos que estivo ata os 47 anos.

Ao deixalo, en 1987, os seus compañeiros tributáronlle unha homenaxe, cun partido entre o seu equipo, A Xacia, e unha selección local. Hai unhas semanas, na homenaxe no Pazo aos médicos de Carballo, tamén se lle lembrou.