Na Costa da Morte prodúcense polo menos dous terremotos cada ano

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Instituto Xeográfico Nacional

Carballo rexistrou na madrugada de onte un tremor de 2,5 na Escala de Richter

21 ene 2021 . Actualizado ás 09:52 h.

O municipio de Carballo rexistrou onte, por sorte, un leve terremoto de 2,5 graos na Escala de Richter. O aviso do Instituto Xeográfico Nacional saltou ás tres e cinco da madrugada. O epicentro foi localizado a uns 20 quilómetros de profundidade no noroeste do termo municipal e apenas foi percibido polos veciños.

A alerta quedou desactivada 38 segundos despois. Non houbo réplicas e tampouco se produciron incidencias. En urxencias non constan danos persoais nin materiais como consecuencia deste episodio.

Co da noite de onte son xa 40 movementos sísmicos-sen sumar as posteriores réplicas- os contabilizados na Costa da Morte desde o ano 2000. Foron numerosas as localidades afectadas, con epicentros en Cabana, Malpica, Camelle, Lires, Coristanco, Carballo, Vimianzo, Zas, Laxe, Fisterra, Camariñas e nas proximidades de todo o litoral da comarca, mesmo no mar, a 37 quilómetros de Malpica (24 de marzo do 2018). Iso si, con magnitudes moi tenues e case imperceptibles para os veciños, con pinzas que oscilan entre os 1,5 e os 3,5 graos na escala Richter.

Carballo non é precisamente o punto geológicamente falando con maior cifra de sismos. A maior parte dos tremores rexistráronse na comarca de Soneira. Así entre decembro do 2013 e xaneiro do 2014 contabilizáronse entre Vimianzo e Camariñas dez terremotos de pequena intensidade, algo que os expertos achacan á existencia dunha fractura xeográfica na zona.

Na comarca de Bergantiños o episodio que provocou unha maior alarma social (que non en danos) foi o ocorrido o 13 de xullo do ano 2000 cando doce sismos, con réplicas de entre 3,1 e 3,5 deixáronse sentir naquela xornada (sobre todo entre as 14.30 e 18.00 horas) en Coristanco, Carballo, Malpica, Vimianzo... O epicentro foi localizado, segundo o Instituto Xeográfico Nacional, no termo municipal de Coristanco.

Aínda que o que máis susto causou entre os residentes da Costa da Morte non tivo o seu epicentro na comarca, senón a 180 quilómetros de Carballo. En concreto, en Triacastela, no coñecido como o triángulo sísmico da comunidade galega, xunto con Sarria e Becerreá.

O tremor produciuse sobre as dúas menos dez da madrugada do 17 de maio de 1997 e acadou os 5,1 graos na Escala de Richter. Os efectos da forte sacudida deixáronse sentir en toda Galicia e na parte occidental de Castela e León, aínda que naquela ocasión non houbo que lamentar danos, salvo, iso si, un bo susto entre os veciños da Costa da Morte.

«É unha zona con moita actividade, pero non é especialmente complicada»

O xeólogo Juan Ramón Vidal Romaní (Tarragona, 1946), catedrático emérito da Universidade da Coruña, analizou os pormenores da actividade sísmica na Costa da Morte: «En relación co sismo de hoxe [por onte] en Carballo hai tres fallas activas e recentes desde o punto de vista xeolóxico. Unha que remata en Baldaio, outra que transcorre preto da estrada de Santiago xunto a unha antiga canteira [Santa Lucía] e unha terceira que cruza o centro urbano, onde as famosas termas. En todo caso, non hai que preocuparse porque non son moi complicadas. É dicir, non son perturbacións como as que deron lugar, por exemplo, á Cordilleira Cantábrica».

Vidal Romaní tamén aproveitou para falar doutros puntos xeograficamente interesantes: «A antiga mina de carbón de Meirama é o resultado da acumulación de sedimentos nunha falla, tamén moi activa e moi recente, que desembocou na creación do que hoxe coñecemos por Monte Xalo e o val no que agora se asenta o lago das Encrobas». Vidal Romaní dixo que se no seu día se chamou a mina de Meirama é porque a falla que a atravesaba chamóuselle así, aínda que evidentemente, tanto a mina como o agora lago se atopan na parroquia das Encrobas.