Esfolla moderna

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO MUNICIPIO

15 novs 2019 . Actualizado ás 13:23 h.

Paso a diario por unha rúa ancha e con pouco tráfico de Carballo na que está aparcados, en fila, dez ou doce enormes remolques para os silos de millo. Un detrás doutro, case parece que enganchados, e por tanto se os ves a certa velocidade ata semella que son vagóns. Tamén a miúdo, eu e máis todos, atopámonos polas estradas con estas máquinas que, aínda que xa levan moito tempo con nós, eu aínda non son capaz de acostumarme a elas. Aparecen mesmo de noite e, en apenas dúas horas, coas luces a tope e perfectamente sincronizadas, varren unha enorme leira de millo que, nos tempos de novo, custaba varios días esfollar. Nesas lembranzas aparecen ata as mulleres que, a modo de rogas, viñan pola corredoira abaixo co tallo na man dispostas a ir de meda en meda, tratar de acabar as primeira para que a palla lles caese diante e, de paso, arranxar a vida da parroquia.

O curioso é que aínda quedamos algúns mohicanos que esfollamos como antigamente. Mágoa de millo, que é amarelo e non colorado, pero polo menos a casula sae sen esfollador. Non son capaz de describir a sensación de estar gardando espiga a espiga e que xusto a esa leira do lado lle chegue a maquinaria e acabe nun suspiro o que a nós nos leva 15 días. Non son, pero séntame ben velo, como se a forza da historia, sempre na mesma terra, nos seguise empurrando a ir pé a pé. Ademais, este ano, por culpa da auga, prescindimos das medas e dos tallos e fixemos todo de pé, rego a rego, cadullo a cadullo, entre pallas inmensas de 4 metros, pero polo menos cunha soa espiga. Que non se diga que non modernizamos a tradición!