Brutal agresión de tres menores a dúas mozas que se estaban bicando nun parque de Carballo, aínda que non houbo denuncia

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCÍA

Sucedeu na zona do parque do Anllóns, nas inmediacións da nova estación de autobuses

14 novs 2019 . Actualizado ás 21:15 h.

Son dúas mozas e sufriron unha brutal malleira por parte, supostamente, de tres novos. Os feitos, que transcenderon agora, ocorreron, presuntamente, fai un par de fins de semana en Carballo. En concreto, na zona que a chavalada chama «a cúpula». É dicir, no parque do Anllóns, nas inmediacións da nova estación de autobuses.

Dúas mozas, de entre 16 e 17 anos de idade, atopábanse na zona e estábanse bicando. Presuntamente, tres menores achegáronse a elas e comezaron a increpalas pola súa condición de lesbianas. Non contentos con iso, e cando as mozas trataban de marchar do lugar, os tres menores, presuntamente, seguíronas e, nun momento dado, puxéronse a golpealas. As agresións foron de todo tipo: puñadas, patadas.... Unha das mozas sufriu un gran negrón nun dos seus ollos e múltiples hematomas polo resto do corpo. Outra sufriu un severo corte nun beizo. Tras producirse a brutal agresión, os tres rapaces marcháronse do lugar.

Atendidas

As mozas tiveron que ser atendidas nun centro médico, pero rexeitaron a posibilidade de interpor denuncia. E segundo persoas que as coñecen, non quixeron denunciar os feitos ante a Garda Civil «por medo ás represalias» e porque as súas respectivas familias son, ao parecer, desconocedoras da súa condición sexual.

En todo caso, unha persoa que coñece á parella compartiu nas redes sociais imaxes das presuntas vítimas, nas que se poden ver parte dos seus rostros e as secuelas da presunta agresión. Tamén se achegou un texto no que se asegura que esa agresión, tipificada no Código Penal como un delito ao odio, sucedeu en Carballo.