Os ramos fixéronse donos dos mercados da zona: as flores de Defuntos

CARBALLO MUNICIPIO

Ana Garcia

Especial Defuntos | Os floristas levan días traballando arreo para atender encargos. A feira semanal de Carballo encheuse onte de composicións florais de entre 15 e 25 euros de media

01 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Os floristas da Costa da Morte levan xa días facendo horas extras para atender a enorme demanda de encargos para que os cemiterios estean cheos de flores durante a xornada de hoxe, cando máis visitas reciben os camposantos. Ao inxente labor que levan días facendo e ás horas que lle estiveron botando, engadíuselle onte a presenza nos mercados de Carballo e Vimianzo, nos que as flores foron a mercancía principal.

Houbo moitos postos, tanto de flor cortada como en maceta e o máis habitual foron, como é tradición, os crisantemos, dos que hai moitas variedades. Os de bóla son os máis requiridos, sobre todo os amarelos, pero tamén os brancos, aínda que de ano en ano se suman variedades.

En Carballo os ramos pagábanse entre 10 e 15 euros, dependendo do tipo de flor, pero chegaban aos 25 se se trataba de lirios. Tamén houbo moitas composicións xa feitas, nas que a imaxinación e a destreza do florista pagábase menos que a calidade da flor, aínda que algúns modelos eran todo un festival de deseño, mesmo con deseños de purpurina.

Caraveis

Ao lado dos tradicionais e humildes caraveis de toda a vida, podíase escoller entre flores que parecían cerebros de veludo ou crisantemos de todas as cores, incluso algúns fosforitos.

En Vimianzo chamou a atención a cantidade de ramos de cor vermella, en tanto que en Carballo destacaban os tons máis suaves como amarelo, branco ou rosados, tirando a malva.

Incluso as labradoras da comarca de Bergantiños que acoden todas as semanas a vender os excedentes das súas colleitas ofrecían xunto ás fabas, as patacas e as mazás ramos con flores que recolleran dos seus xardíns.

Na zona rural é frecuente que as veciñas se intercambien flores para ter uns ramos máis variados. Os cursos que se celebraron hai anos en moitos lugares fixeron que a composición estivese ao alcance de moitas amas de casa, polo que tamén é moi frecuente que as tumbas se decoren con elementos propios.

Como todos os anos, desde onte os cemiterios locen máis coloridos e limpos do que é habitual, para celebrar a festividade de Defuntos.