Noelia Loureiro: «O que me enganchou ao salvamento é que ten sitio para todos»

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCIA

Esta larachesa, con varias medallas nacionais, estará no campionato de Europa a próxima semana

20 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Ten a maioría de idade recentemente cumprida e acaba de asinar a mellor tempada en salvamento e socorrismo de entre os seis e sete anos que leva practicando esta modalidade. Chámase Noelia Loureiro Serrano e forma parte do club Salvamento Acuático Laracha, co que se formou. É da parroquia de Torás. Pero aínda pode rematar a campaña aínda mellor, pois a próxima semana se estreará nun campionato de Europa a celebrar en Riccione (Rímini-Italia). Alí finalizará, tamén, a súa etapa júnior.

A finais de agosto e principios deste mes, foi convocada por vez primeira coa selección galega absoluta. Nunca antes recibira a chamada do combinado noutras categorías. E luciuse no Campionato de España por Comunidades Autónomas, disputado en Carballo. Foi marca de España júnior na proba de 100 metros rescate de manequín con aletas en piscina, o que lle valeu para levar a prata. Dous segundos postos no campionato de España de Primavera e outra insignia prateada no campionato de España júnior completan o seu palmarés nacional.

«Adestrei moito e os resultados chegaron», explica, ao que engade sobre a última proba á que asistirá esta tempada: «Acadei as mínimas necesarias para ir representando o club e, xunto co meu adestrador, Diego López, decidimos ir para tratar de mellorar os tempos, obxectivo que nos marcamos sempre».

As probas que mellor se lle dan son as de piscina e, dentro destas, as que levan a cabo con aletas. No país italiano tomará a saída en 100 metros combinada, 100 metros socorrista, 100 metros rescate con aletas e 2000 metros supersocorrista.

«Vai ser difícil facer podio porque non coñecemos os rivais», comentou. O certo é que lle está dedicando entre tres e catro horas ao día a prepararse para a gran cita; unhas dúas máis do tempo habitual. Será a única representante da entidade larachesa neste torneo.

Os inicios

«Sempre practiquei moitos deportes. Pero chegou un día que tiña moitas compañeiras que facían salvamento e animeime a probar. Dende aquela, deixei todo o que tiña e centreime neste deporte». Así foi o inicio desta larachesa na modalidade. Ten claro que foi o que tanto a enganchou a esta especialidade: «O feito de compartir moito co equipo, pero, sobre todo, que é moi completo. Ten moitas modalidades diferentes: con aletas, na praia, nadando, correndo, coa táboa... Ten sitio para todos».

Así é que, a pesar de como ela mesma recoñece, o salvamento e o socorrismo é un deporte «moi descoñecido», pero recoméndallo a todo o mundo: «Estou segura de que se se animan gustaralles, pois, como dixen antes, ten moitas modalidades, ademais de que practicándoo aprendes a salvar vidas».

Bota contas e cre que uns corenta atletas integran actualmente o club SAE, incluídos os da Escola, un curso que realizan por segundo ano consecutivo para que nenos a partir de seis anos (idade aínda non competitiva) melloren as habilidades de natación á vez que aprenden técnicas dun deporte que salva vidas. «O club está crecendo nos últimos anos, tanto en número de deportistas como en resultados», asegura.

Noelia, polo momento, nunca exerceu como socorrista ou como monitora, traballos que non descarta nun futuro: «Agora comecei a estudar Educación Primaria na universidade. Sobre o primeiro, penseino algunha vez, aínda que creo que hai un paso entre practicar este deporte a exercer como tal. Respecto ao segundo, gústame estar cos nenos. En todo caso, non teño a formación necesaria que requiren ambos».