Liberdade para un detido polo roubo dun Ford Escort na rúa Perú de Carballo

Antonio Longueira Vidal
T. Longueira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

O investigado pasou a disposición xudicial este mércores pola mañá

21 ago 2019 . Actualizado ás 12:40 h.

O titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Carballo decretou a liberdade, en calidade de investigado, para Eduardo Arades Viqueira, de 41 anos, natural de Barcelona e residente en Carballo, detido na tarde deste martes por axentes da Policía Local, en relación ao roubo dun Ford Escort de cor vermella, subtraído este luns, e que se atopaba estacionado na rúa Perú.

O investigado, ao que as forzas de seguridade de Carballo vinculan con catro roubos e intentos de roubo de varios vehículos desde o pasado día 5, prestou declaración á primeira hora da mañá deste mércores, decretando o xuíz a súa posta en liberdade, en calidade de investigado. Eduardo Arades saíu do xulgado de Carballo sobre as dez da mañá.

Todo comezou este martes pola tarde. Axentes da Policía Local de Carballo detiveron a un individuo, investigado polo roubo dun vehículo. As pescudas arrincaron este pasado luns ao presentarse unha denuncia pola subtracción dun Ford Escort de cor vermella, con placas de matrícula C-0431-Ao, estacionado na rúa Perú. Este coche foi visto na tarde de onte polos seus propietarios circulando pola avenida de Razo. O condutor e único ocupante freou o turismo ao verse acurralado polos propietarios do mesmo e fuxiu a pé, pero nas proximidades atopábase unha patrulla da Policía Local, que procedeu ao seu arresto ás 16.20 horas. Posteriormente foi trasladado ao cuartel da Garda Civil. Sobre Eduardo Arades Viqueira penden catro dilixencias en tan só unhas dúas semanas: roubo dun Ford Mondeo (día 5), intento de subtracción dunha furgoneta (día 8) e acceso a un BMW de cor negra (día 9).