Haberá terceira edición do Desafío Millagrosa

M. R. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

A carreira de obstáculos carballesa celebrarase o sábado, día 31

21 ago 2019 . Actualizado ás 13:49 h.

Un ano máis, coincidindo coas festas do barrio carballés da Milagrosa, a Asociación de comerciantes, hosteleiros e profesionais, coa colaboración do Concello, celebrará o terceiro Desafío Millagrosa, unha entretida carreira de obstáculos, pioneira na Costa da Morte. Será o sábado, día 31, desde moi cedo: ás 9.30 horas.

Os participantes deberán completar un percorrido de 1.000 metros dividido nunha primeira volta con varios obstáculos e, unha segunda, sen eles. No primeiro tramo, o que non supere un obstáculo deberá facer quince burpees (flexións con salto). As rúas que conforman o traxecto son a Avenida dá Milagrosa, Rúa Xilgaro, Rúa Emilio González e Rúa Cemiterio Vello. As inscricións, gratuítas, están dispoñibles na páxina web www.carreirasgalegas.com ata o vindeiro mércores, día 28. É necesario ter cumpridos os dezaseis anos no momento da celebración da carreira e formalizar un documento de consentimento paterno. Pódese participar de forma individual e por equipos mixtos de catro participantes.

A proba, cronometrada e controlada por árbitros da Federación Galega de Atletismo, disputarase por un sistema de quendas cada 10 minutos, estando cada un deles composto por dez corredores apoximadamente. A orde de saída será por orde de inscrición e o número máximo de inscritos é de 110 corredores, de modo que haberá once quendas de saída. Ás 13.00 horas deste mércores quedaban menos de trinta prazas dispoñibles. Concretamente, 28. Nos días previos á cita, publicaranse os nomes dos membros de cada grupo en Carreiras Galegas. Os dorsais recolleranse na carpa da organización o propio día. Todos os corredores que rematen a proba terán medalla finisher, mentres que os mejroes clasificados serán galardoados con trofeos e medallas.

No que a servizos se refire, haberá duchas e baños dispoñibles no Forum Carballo, avituallamiento líquido na zona de meta, animación durante o percorrido cun grupo de zumba e unha gran sardiñada ao termo da proba organizada pola comisión de festas do barrio da Milagrosa.