Case cen obras artísticas dan outra cor ás rúas de Carballo

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Remata a 5ª edición do Rexenera Fest, de novo con invitados de relevo mundial

10 jun 2019 . Actualizado ás 10:36 h.

Rematou en Carballo a quinta edición do Rexenera Fest, o festival de arte urbana daquel proxecto que comezou (e mantense) co intencionado nome de Derrubando muros con pintura, pero que creceu tanto que agora, ademais de manter a súa función inicial de botar abaixo o feísmo, os espazos mortos ou desaproveitados, tamén é un foro de creación. Os Rexenera trouxeron a Carballo artistas de relevo internacional, con obras repartidas por todo o mundo, de Asia a América, de Nova York a Londres, e sen dúbida elevaron o nivel da arte urbano na localidade cos 30 traballos en total que realizaron. Pero non hai que esquecer que hai outras moitas actuacións anteriores, maiores ou menores, e entre outras elas suman unhas 90. Son xa que logo, case un centenar de traballos que deron a Carballo outra cor, outro punto de atracción moi potente para a cultura e para o turismo, que colocan a Carballo no selecto top español de arte urbana. Así o cre Xosé Regueira, edil responsable de toda esta obra, e o mesmo opina o artista ordense Sokram, que coordina todo o proceso.

Un e outro sinalan que a elección deste ano foi particularmente heteroxénea en técnicas, mensaxes e estilos. Millo (de Italia: rúa Fábrica), Satr (China : avenida dá Cristina), Pichiavo (Valencia: Luis Calvo), María Capdevila (Barcelona: avenida de Bergantiños), Lidia Cao (Ordes: Vila de Negreira), e Milu Correch (Arxentina: Fórum) achegaron obras moi heteroxéneas que en ningún caso pasan desapercibidas, sobre todo a dos valencianos, que traballaron sobre a maior superficie en plano único ata o momento en Carballo. Satr chegaba a España por primeira vez, «e quedou encantada», indica Regueira. O italiano Millo deixa, como sempre, «unha mensaxe moi potente». Nesta e en edicións anteriores, o que chama a atención dos expertos é que se trata de firmas moi consolidadas a nivel internacional, algo que se logrou en moi pouco tempo. E que continuará.

Ademais da arte, e como di Sokram, «isto dálle vida á rúa e ao pobo, e vén xente de moi lonxe a visitar Carballo».

En detalle

 

 

Inicio. Hai unha data clave para o comezo da transformación pictórica das rúas de Carballo: decembro do 2013, cando Paula Frade e Roberta Venanzi subiron a unha estada fronte á rotonda da Rúa do Sol e comezaron a impregnar aquela parede de moito verde, certa esencia de carballo (planta) e algunhas formas que aínda trasladan ao onírico. Foi o arranque dun cambio aínda vivo e que, curiosamente, é o único mural que envelleceu prematuramente, debido a un gran desconchado na parede que mutilou, en forma de círculo, esa opera prima da arte urbano de Carballo. O edil Xosé Regueira asegura que se arranxará, e que o farán as súas dúas autoras, pero para iso hai que agardar a que as dúas poidan desprazarse ata Carballo. E niso están.

Banco de paredes. Soa raro, pero así pode definirse o arquivo de muros interesantes para que os artistas plasmen a súa obra. Lonxe quedan os momentos en que custaba convencer algún propietario: agora xa chegan os ofrecementos e hai algún moi interesante. Quizais en poucos anos a avenida Vila de Negreira, por exemplo, sexa un bulevar de obras rechamantes. Xa case o está sendo agora, se ben aínda son poucas (catro).

Interese. O plano das obras que se poidan ver é o máis demandado na oficina de turismo, aínda que tamén se pode facer vía web, ou con descarga. Co paso do tempo aumentaron os traballos, pero tamén proporcionalmente, o interese para velos e, de paso, camiñar uns quilómetros polo centro urbano de Carballo. Mesmo hai quen pasou en coche ou autobús cara a Fisterra e, sorprendido do que vía, decidiu facer unha viaxe a propósito.