Desde bebés nunha Yamaha PW50

Melissa Rodríguez
Melissa Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana Garcia

PILOTOS CARBALLESES DE MOTOCRÓS | Teñen 6 e 5 anos e son a nova revelación do motor bergantiñán. Chámanse Daniel e Leo: esta é a súa historia

28 may 2019 . Actualizado ás 08:01 h.

Teñen 6 e 5 anos e son a nova revelación do motor bergantiñán. Chámanse Daniel e Leo, fillos dun vigués afeccionado ao motocrós desde a adolescencia, Alberto Díaz, e dunha carballesa que rexenta a Cafetería Narúa na rúa Névedas, Susana Rama. O maior, que chegará aos 7 en xullo, comezou a practicar este deporte xusto no día en que cumpriu os tres anos e os pais regaláronlle unha Yamaha PW50 de 1.500 euros, moto que despois quedou para o seu irmán, que foi, aínda, máis precoz. Con tan só un ano e dez meses, ao pouco de saber camiñar, xa se subiu ás dúas rodas, sen ruedines. Contan os proxenitores que, a súa incursión foi tan temperá, ademais de moi boa, con moito equilibrio, que miraron, con notario e todo, de tratar de incluílo nos Guinness World Records. Pero logo decatáronse de que aos nenos non se lles concedían estas distincións para evitar que os pais os machucasen deportivamente.

«Daniel afeccionouse ao ver ao pai nas carreiras e, Leo, ao observar ao irmán», conta a nai. Alberto defende un campionato galego en categoría de promoción, e agora compite, de cando en vez, en veteranos. Ambos os fillos participan en campionatos galegos non federados, organizados polos propios circuítos, aínda que o máis pequeno o fai de xeito lúdico con outros nenos, ao non estar permitida a competición ata os seis anos. Aínda así, nas dúas carreiras que levan realizadas este ano, ambos fixeron podio. Daniel defendeu a primeira praza nas dúas na categoría alevín de 50 cilindradas, mentres que Leo, un primeiro e un cuarto posto en benxamín, aínda que este último se debeu a que participou con nenos de maior idade. No caso do irmán maior, revalidou os resultados logrados no anterior ano, o do seu debut. Agora, aínda quedan oito probas por disputar a ambos. A próxima será o día 16 de xuño, en Rebordelos (Val do Dubra). Este ano van por todas.

Ana Garcia

Estes irmáns van en serio. Adestran dous ou tres veces por semana en Pontevedra, Ferrol ou no mesmo Monte Neme de Carballo. O seu mellor mestre é o seu pai, aínda que Daniel xa tomou leccións dun profesional nunha ocasión. As dúas rodas son a súa paixón, pois ademais de practicar motocrós encántanlles as bicicletas. Non é un mundo barato o do motor, di Susana. Daniel xa vai pola cuarta moto, esta última, de 3.300 euros. A afección dos seus fillos esíxelles aos pais facer grandes sacrificios. Polo momento, contan co apoio económico da Cafetería Galicia, de Carballo. Agora, buscan máis apoios xa que Daniel participará no verán na Copa KTM50 a nivel nacional.

A súa proxenitora, Susana, é a máis fan destas grandes promesas do motocrós galego: «Non teño medo de que lles pase algo porque o pai sempre os ensinou moi ben mais porque corren con cativos». Son a substitución dos novos irmáns Adrián e Joaquín Castro Barrigón, tamén de Carballo, fillos do expiloto de motocrós, Carlos Castro Puga. Hai canteira en Bergantiños.