O campionato galego de autocrós arrincará en Carballo

M. R. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

CEDIDA

A primeira proba disputarase este sábado no circuíto municipal

24 abr 2019 . Actualizado ás 17:44 h.

O circuíto municipal de Bértoa dará este sábado, ás nove da mañá, o pistoletazo de saída ao campionato galego de autocrós cunha proba organizada pola escuadra local, Máis Motor, e que conta coa colaboración do Concello de Carballo e a Federación Galega de Automobilismo. Ás 13.15 horas serán as sesións de cualificación; ás 15.30, as semifinais; ás 17.15, as finais B, e ás 18.20, as finais.

Tras o descanso invernal, a expectación é máxima. Se na sesión de adestramentos libres celebrada o Xoves Santo no trazado bergantiñán participaron case cincuenta pilotos, para a carreira da fin de semana agárdase que o número chegue aos setenta. Entre eles estarán os máximos favoritos ao título en todas as categorías.

Na clase I, o actual campión, Iván Muíño, terá complicado volver gañar xa que diante estará Tinín Igrexas, subcampión nos dous anteriores anos. Na clase II, Javier Candal defende o título fronte a rivais directos como Tino Igrexas, sete veces campión autonómico. Tamén estará Mario Ríos.

Na categoría reina, o carcrós, poderase ver aos mellores condutores, que suman máis de media ducia de títulos galegos. O último campión da especialidade, Joaquín Chamorro, terá diante aos dous pilotos que lle precederon no título: Pablo García, no 2017, e Antón Muíños, no 2016. O local Javier Ramilo tratará de pelexar por chegar todo o máis alto, algo que se lle vén resistindo nos últimos anos. Outros pilotos da zona que tomarán a saída serán Daniel Vázquez, Daniel Mariño e Alberto Lorenzo.

Se finalmente se disputa a categoría 4x4, ofrecerá un novo episodio da loita entre dúas dos pilotos con maior traxectoria no nacional: Perfecto Calviño e Perico Rodríguez.

Esta cita foi presentada este martes na casa consistorial de Carballo. O presidente de Máis Motor, Juan Puga, comentou que as previsións de tempo son «de que mellore». Dúas das promesas da escuadra, Beto Lorenzo e Fabián Varela, mostráronse moi ilusionados por correr na casa. O alcalde, Evencio Ferrero, destacou que o circuíto de Bértoa «empeza a ser un referente, incluso, no campionato nacional», así como a positividad de que haxa nel «actividade permanente».