A nova ordenanza de tráfico de Carballo inclúe achegas que poden enriquecer o texto

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCIA

Será aprobada definitivamente no pleno do próximo luns, segundo explico a edila Milagros Lantes

23 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A nova ordenanza de tráfico do centro urbano de Carballo, que será aprobada definitivamente no pleno do próximo luns, inclúe alegacións e suxestións que serven para «enriquecer» o texto xeral da normativa, e que non entran en contradición co xa regulado.

Así o explicou onte Milagros Lantes, concelleira de Mobilidade, durante a presentación dos asuntos plenarios. En concreto, das 18 alegacións incluíronse seis, e da 16 suxestións, finalmente entran catro. Dúas alegacións máis xa se incluían no texto ao que agora se lle dará o visto e prace. Lantes recoñeceu que os alegantes (destacan as de tres policías locais) demostran haber realizada unha lectura exhaustiva da norma. Algunhas cuestións non poden formar parte do marco legal no sentido de que serán cuestións de funcionamento -e levarán a cabo-, como o uso e disposición de controladores de velocidade, sen entidade suficiente para integrarse no articulado.

Un plan de seguridade viaria, outras das peticións, xa está previsto no documento estratéxico de mobilidade elaborado para Carballo. «En xeral, está moi ben que a xente que non traballou na elaboración do texto o lea e analice», engadiu, xa que achega unan visión diferente fronte a quen estiveron enfrascados nel, e sobre todo serve para mellorar diversos temas.

Mobilidade persoal

Neste caso, aspectos como cuestións relativas a vehículos de mobilidade persoal ou uso de bicicletas, entre outros. Aínda que sin duda una da medidas que máis chamará a atención será a limitación a 30 por hora de velocidade máxima no centro urbano. Como haberá que agardar a que a ordenanza se publique no BOP, ata finais de marzo non entrará en vigor. Antes haberá que cambiar e adaptar numerosos sinais.

O resto de contidos inclúen aspectos que afectan sobre todo aos traballadores municipais, con correccións e aprobacións das condicións de emprego dos funcionarios e do persoal laboral, ademais da modificación da relación de postos de traballo (RPT), que agora inclúe a viceintervención. Cuestións todas elas xa abordadas en diversas reunións na mesas de negociación cos representantes sindicais. As correccións refírense a aspectos que pediu a Xunta.

Máis correccións

Tamén é unha corrección a que pediu a Deputación sobre o Plan Único de Concellos POS 2019, modificando o enunciado de dúas actuacións, unha obra na rúa Perú (188.000 euros) e outra na Tarragona (65.000). É un simple cambio de nome por cuestións técnicas, pero que obriga a pasar de novo pola corporación, coa correspondente demora.

Pacto de alcaldes

Outro dos asuntos a tratar é a adhesión á iniciativa europea do pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía, ademais de dúas mocións dos grupos políticos. Unha, do Partido Popular, sobre o cambio de sentido da rúa San José, entre a Gran Vía e a Martín Herrera, para facilitar os desprazamentos desde a zona da Praza de Galicia e o San Martiño. Outra, de Terra Galega, reiterando que se cumpra a accesibilidade nun edificio na rúa Eduardo Blanco Amor, na zona da Cristina, que quedou sobre a mesa.