Marca de inscritos no dúatlon escolar carballés

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

O polígono de Bértoa acollerá mañá, a partir das 10.30 horas, a terceira proba,  valedoira para o campionato provincial

16 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O polígono de Bértoa acollerá mañá, a partir das 10.30 horas, a terceira edición do dúatlon escolar Concello de Carballo, proba valedoira para o campionato provincial. E a escasas 24 horas para o pistoletazo de saída da primeira das probas, pódese dicir que a cita xa é todo un éxito de participación. Segundo apuntou o presidente da Agrupación Deportiva Fogar, Gustavo Álvarez, inscribíronse 290 mozos, corenta máis que na edición do pasado ano.

Non só houbo marca de anotados, senón tamén de equipos participantes. Son 18 fronte aos 14 contabilizados no 2018. A representación bergantiñá virá da man do A?D Fogar, con 33 deportistas inscritos, e o Club Ciclista Carballo, con 4. O resto de entidades participantes son: Betanzos, Arteixo, Cambre, Ferrol, Ribeira, Hércules Termalia, Cedeira, Boiro, Liceo, Padrón, Olímpico de Vedra, Oleiros, Sada, Compostela, Narón e Arcade. Os rapaces serán repartidos en categorías benxamín, alevín, infantil e cadete, e terán que cubrir un trazado a pé e en bicicleta que oscilará entre os 2.750 metros (benxamíns) e os 10.000 metros (cadetes). Colaborarán na seguridade Protección Civil e Policía Local de Carballo.